Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte presenta os Orzamentos do Concello para 2023

Por 21 Novembro, 2022Novembro 22nd, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, deu a coñecer os Orzamentos Municipais para o ano 2023.

“Un orzamento que  é froito do rigor e da boa xestión económica que dende o Equipo de Goberno vimos realizando dende que estamos ó fronte deste Concello, dende o ano 2015.

Non hai constancia na historia recente dos gobernos municipais do Concello de Monforte de Lemos, de que ningún  alcalde aprobara os orzamentos en tempo e forma durante 8 anos consecutivos, como si levamos facendo nós, para que os orzamentos entren en vigor a principios do ano entrante, neste caso o 2023.”, destacou o rexedor.

Deste xeito, a previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2023 é de 15.371.146,23 euros, máis de 15 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ó ano 2022 de case 500.000 € (en 2022 era 14.892.364,97€).

A previsión é de 478.781,25 € máis, con respecto ó ano 2022, un 3,21% máis, pero a realidade é o orzamento conta cun millón máis, xa que se lle debe sumar ese millón que está consignado para 2 proxectos concretos, que están pendentes de executar (500.000 euros dun convenio da Deputación para a Ponte do Malecón, e outros 500.000, que corresponden á subvención do Consello Superior de Deportes), e que polo tanto pasan a formar parte do orzamento deste exercicio. O que significa que a previsión orzamentaria para 2023 é de 16.371.146,23 euros, aínda que realmente no Pleno aprobaranse os 15.371.146,23 euros.

Débeda cero

Tomé continuou a súa intervención salientando un dato “que para nós e moi relevante e que non pode deixarse de mencionar, e é que este Concello continúa con débeda cero, e a pesar disto, temos un nivel de investimento moi alto para poder financiar as obras que vimos realizando en melloras urbanas, melloras no rural, melloras nos parques, melloras no saneamento, melloras no alumeado ou melloras no Polígono Industrial, entre moitos outros proxectos”.

“Polo tanto, os monfortinos e monfortinas empezaremos o ano 2023, tal e como fixemos no ano 2022, libres de débedas no Concello, sendo un dos poucos concellos de España onde os seus cidadáns non teñen débeda pública. Este Orzamento é froito do rigor e da boa xestión económica que dende o Equipo de Goberno vimos realizando dende que estamos ó fronte deste Concello, dende hai máis de 7 anos”, engade.