Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte inicia os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral de abastecemento

Por 29 Novembro, 2022Novembro 30th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que veñen de dar comezo os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte.

O rexedor monfortino asinara no pasado mes de xullo coa empresa FCC Aqualia S.A., un preacordo para executar as obras do proxecto denominado Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte, proxecto que consiste na dotación dunha nova tubaxe xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.

Deste xeito, unha vez resoltos tódolos permisos e trámites previos ó inicio das obras, estas poranse en marcha a partir de hoxe luns, logo da chegada nestes días do material necesario para acometer as actuacións, así como a maquinaria e os equipos implicados nas obras.

O inicio das obras ten lugar na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas, e non implicará, polo momento, afección as rúas polas que se instalará a nova tubaxe, é dicir, nestas actuacións iniciais non está previsto o corte de rúas nin na rede de subministro. A obra irá avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado.

O alcalde salienta que “esta actuación suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.