Skip to main content
Sarria

O Frei Luís de Granada, en Sarria, celebra o Nadal con chocolate e cun concurso de adornos reciclados

Por 28 Novembro, 2022Novembro 29th, 2022Sin comentarios

Os membros da Anpa do centro educativo Frei Luís de Granada, na vila de Sarria, veñen de dar a coñecer as actividades de Nadal que levarán a cabo os alumnos e alumnas do centro durante estas datas tan sinaladas.

As actividades comezarán este venres 2 de decembro coa celebración dunha chocolatada na que participará o astrónomo e antigo alumno do centro, Borja Tosar. Nela Tosar intentará amosar a tódolos nenos e nenas a Lúa, Xúpiter e Saturno  acompañados dun bo chocolate quente con doces típicos.

Tamén buscando o entretemento dos máis novos, terá lugar o sábado 17 de decembro unha visita ó poboado de Nadal en Lalín, evento que se organizou coa colaboración da concelleira de comercio da zona e a Concellería de comercio de Lalín, xunto coa Anpa do Frei Luís de Granada.

Por último, o xoves 22 de decembro os cativos da vila de Sarria poderán dar a benvida a Papá Noel e recibirán agasallos. Poderán desfrutar tamén dunha sesión chea de baile e moita maxia.

Ese mesmo día, terá lugar un concurso de adornos de Nadal no que se decorará o centro con materiais de reciclaxe.