Skip to main content
O Incio

O proxecto Toponimízate chega este venres ó concello do Incio

Por 22 Novembro, 2022Novembro 23rd, 2022Sin comentarios

A campaña Toponimízate centrada en difundir o valor da toponimia galega e na recuperación dos nosos topónimos, chega ó concello do Incio este venres 25 de novembro logo de percorrer un total de dezaseis concellos.

Esta quinta edición da campaña Toponimízate que xurdiu como unha iniciativa de divulgación da toponimia galega, está coordinada pola RAG en colaboración coa Xunta de Galicia.

Chegou a un total de dezasete concellos lucenses e este venres 25 de novembro chega á súa fin no Incio nun acto que terá lugar ás 19.00 horas no Salón de Usos Múltiples do Concello.

O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recollida toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

Nesta nova xornada de charlas pertencentes á quinta edición do proxecto, procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de fincas, montes, fontes…) correra un maior perigo de perda, como é o caso daqueles lugares que viven unha forte despoboación ou sofren amplos procesos de transformación do territorio.

Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do perigo que corre de perderse, das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral e tamén do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo.

Tamén se explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que veciños e veciñas poderán engadir na plataforma os topónimos que coñezan. Dende o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos a disposición de toda a cidadanía galega na rede. Máis de 2.600 persoas colaboradoras rexistráronse, engadindo nomes en 292 concellos galegos.