Skip to main content
Láncara

Apróbase o inicio da contratación da glorieta de entrada á Pobra de San Xiao

Por 18 Novembro, 2022Novembro 21st, 2022Sin comentarios

Este mércores o Goberno Municipal de Láncara nunha Xunta de Goberno Extraordinaria aprobou o inicio da contratación da glorieta de entrada á Pobra de San Xiao de 33 metros de diámetro, que suporá unha inversión total de 331.159,79 euros, dos cales 328.555,95 euros destinaranse á execución da obra e 2.603,84 á expropiación dos terreos necesarios.

A glorieta proxectada é a actuación máis importante dun plan global de mellora da mobilidade urbana, que se inicia coa mellora das infraestruturas existentes, a creación de novos accesos e rematará coa execución integral do plan especial e a previsión da continuación do vial existente ao oeste do núcleo urbano, que comunica a futura glorieta de acceso ao núcleo urbano e a rúa Río Neira, desta forma completase a estrutura viaria do núcleo.

O Concello de Láncara promoveu no ano 2019 a redacción dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a integración das infraestruturas ferroviarias e a definición das interseccións da estrada LU-546 coas principais avenidas e rúas da Pobra.

“Coa entrada en funcionamento da nova variante do ferrocarril de Láncara, queda sen uso o antigo tramo ferroviario e as instalacións asociadas situadas no interior do núcleo de A Pobra de San Xiao. A infraestrutura ferroviaria, aínda que foi o principal motor da vila supón xunto ca estrada autonómica LU-546, Nadela-Monforte, unha importante barreira que condiciona as conexións e a mobilidade do núcleo urbano de a Pobra de San Xiao”, afirma Darío Antonio Piñeiro, rexedor do municipio.

A execución da glorieta na LU-546, responde ós obxectivos de mellorar a mobilidade urbana, solucionando as conexións entre as distintas zonas, obtendo desta forma unha trama urbana de calidade mediante a integración e permeabilidade das infraestruturas ferroviarias e de comunicacións que na actualidade actúan coma unha barreira entre as distintas zonas do solo urbano e que se encontran desligadas da malla urbana, co obxectivo principal de principal de obter un espazo urbano de calidade.