Skip to main content
LáncaraO Páramo

Veciñas e veciños de cinco concellos viaxan esta semana co programa Coñece a túa provincia

Por 4 Novembro, 2022Novembro 7th, 2022Sin comentarios

Uns 140 veciños e veciñas de cinco concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

As entidades dos concellos de Láncara, Lugo, Riotorto, Viveiro e O Páramo, viaxarán esta semana polo territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de que a veciñanza da provincia coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio.

O mércores, a Asociación Cultural Veciñal Río Pombo, de Láncara, e a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER) viaxaron á Mariña. A entidade lancaresa comezou a súa viaxe visitando o Mazo de Santa Comba para despois achegarse ao concello do Valadouro e Alfoz. Nestes municipios visitaron o Pozo da Onza, Ferreira do Valadouro e a Finca Galea. O colectivo lucense coñeceu o concello de Cervo e o seu patrimonio natural e cultural, tras visitar a Granxa Gayoso Castro.

Onte foi a quenda da Asociación Coro Parroquial de Riotorto, que coñeceu a Produtora de Audiovisuais da Deputación e, posteriormente, partiu cara Sober, onde visitou unha adega en Amandi, algúns dos miradoiros do concello con vistas ao río Sil e o patrimonio románico do municipio. A Fundación Galicia Obra Social, de Viveiro, é o outro colectivo que viaxou onte. Coñeceron o Pazo de San Marcos e achegáronse á Montaña, onde percorreron Becerreá, As Nogais e Cervantes, con paradas en Ponte Gatín, a Torre de Doncos ou o Castelo de Doiras.

Para rematar a semana, a asociación Rivas de Miño, do Páramo, desprazarase ó concello de Sober tras facer unha parada na produtora do Servizo de Audiovisuais da institución provincial, e, por outro lado, Sociedade San Vicente de Pías, de Lugo, fará unha visita á Granxa Gayoso Castro e, posteriormente, visitará os concello de Burela e Foz.

Nesta segunda edición do programa Coñece a túa Provincia, que comezou na primavera, xa participaron 2.000 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata este mes de novembro.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.