Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Animamos á xente a que manifeste a súa repulsa á violencia machista”

Por 13 Novembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Hoxe coñecemos e damos voz ao Colectivo Feminista de Sarria Mulleres de Raíz

Cando, como e por que xurde Mulleres de Raíz? Con que obxectivo?

O Colectivo Feminista Mulleres de Raíz confórmase entre fins do 2018 e principios de 2019, nun momento de convulsión en todo o mundo. Un grupo de mulleres que viñamos de asistir a convocatorias a nivel provincial ou nacional do Feminismo Galego, e que á súa vez saía á rúa en Sarria sen denominación específica; reaccionando ante acontecementos de violencia machista en todos os seus graos e tipos; decide reunirse para artellar un colectivo. O obxectivo, como o de toda organización feminista, o desenvolvemento dunha sociedade libre e igualitaria onde non exista a menor discriminación baseada no xénero das persoas, incidindo na consecución da igualdade real e a todos os efectos para as mulleres; mais tamén, recuperar para Sarria un espazo social de mulleres e para as mulleres.

Por canta xente está conformada na actualidade? Entendo que sodes mulleres e homes?

Como se indicou, o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz somos un grupo de mulleres dos mais diferentes ámbitos que dirixe o seu traballo cara a consecución da erradicación da desigualdade de xénero, incidindo na consecución da igualdade real a todos os efectos para as mulleres, e por iso está integrado só por mulleres, por ser en estas nas que recae a desigualdade de xénero. Así o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz pretende ser un espazo social, como se indicou, un espazo de debate, formación, argumentación e visibilidade que se nos estivo a negar durante séculos seguindo os ditados da educación e do poder patriarcal. Un espazo de actuación dos valores sobre os que se sustenta a ideoloxía feminista: a igualdade, a equidade, a non discriminación, a liberdade, a sororidade, a diversidade, a participación, o liderado, o empoderamento e os dereitos humanos das, e para, as mulleres.

Leva en activo moitos anos? Organizades actos soamente no concello de Sarria ou tamén na contorna?

Pois van xa catro anos de debates, mobilizacións e loita. Realmente, e por agora, o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz non organizou acto algún, tocáronlle vivir tempos duros, así que por agora só estivo a convocar á cidadanía de Sarria a se mobilizar contra das desigualdades de xénero ou a violencia machista e a instar ás autoridades competentes -ben sexa a través de reunións telemáticas ou presenciais, ou a través do rexistro de solicitudes- medidas efectivas de cara á súa erradicación.

En todo caso, estivo dende o primeiro momento e está presente no Colectivo Feminista chegar a toda a súa contorna, interpretando esta como os diferentes núcleos de poboación espallados dentro do concello; e sempre estivo aberto a que calquera muller interesada, sexa cal sexa o seu concello ou núcleo poboacional, se poda integrar e reunir ao carón de Mulleres de Raíz.

Cales son os principais valores que tenta transmitir Mulleres de Raíz?

Pois desde os fundamentais, recollidos co nome de Dereitos en 1948 na Carta Universal dos Dereitos Humanos: a igualdade, a equidade, a non discriminación e a liberdade; dereitos, a todos os efectos, non conseguidos aínda polas mulleres. E tamén, e entre outros, forza da unión; a poderosa forza a unión das mulleres en loita pola consecución dos seus dereitos e, polo mesmo, pola consecución dun mundo máis xusto.

En que tipo de actos centrades a vosa actividade? Cales estades a realizar na actualidade? Non sei se por exemplo dades charlas en institutos ou tedes outros proxectos entre mans…

Ben, como temos indicado e por agora, o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz non desenvolveu acto ou actividade algunha que non foran as de convocar á cidadanía de Sarria a se mobilizar contra das desigualdades de xénero ou a violencia machista e a instar ás autoridades competentes medidas efectivas de cara á súa erradicación. Isto débese á propia realidade, tanto do Colectivo Feminista coma a de Sarria, cunha cifras de mulleres maltratadas que arrepían.

Na actualidade estamos a acudir e máis a convocar mobilizacións puntuais e a centrar esforzos na nosa defensa, xa que; trala denuncia nas redes do “presunto intento de acoso sexual” acontecido en febreiro de 2021 na Estación de Autobuses de Sarria, o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz foi denunciado por Calumnias polo “presunto acosador” para o que, noutro xuízo paralelo, por este mesmo caso, o do acoso sexual, a Fiscalía pide para el penas de prisión…

Que tedes previsto para o próximo 25 de novembro con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller?

Pois o estamos a debater estes días. O Colectivo Feminista Mulleres de Raíz o integran mulleres con diferentes ocupacións sobre as que en moitos casos recae tamén o eido dos coidados, coma para case que a maioría das mulleres; feito que nos fai barallar varias opcións segundo as forzas para este 25N.

Opinades que se está a facer un bo traballo en Sarria no que a violencia de xénero respecta ou é necesaria unha maior concienciación da cidadanía?

Pois cremos que non, cando Sarria presenta unhas cifras estatísticas que arrepían e que ocultan, tralo dato, historias violentas e machistas vividas por veciñas.

Cómpre, efectivamente, non só unha maior concienciación da cidadanía -somos conscientes que de cara cambiar un sistema que leva a funcionar máis de 4500 anos precísase moito máis- tamén das institucións, aquelas que deberían dar exemplo, comezando pola máis próxima a ela, o Concello. E neste caso, e ó noso entender, ó actual Equipo de Goberno do Concello de Sarria fáltalle ética persoal e política polo que respecta, entre outros, á violencia de machista.

Queren resaltar ou engadir algunha outra información?

Que o 25N non deixedes de manifestar a vosa repulsa á violencia machista alí onde esteades! Que individualmente e colectivamente non deixedes de loitar até conseguir a súa erradicación e un mundo máis xusto! E que o Colectivo Feminista Mulleres de Raíz seguirá cantando sen medo, poñendo voz ao silenciado e loitando pola igualdade real das mulleres!!