
Falamos con Geni Valcárcel, concelleira de Igualdade en Sarria, que nos conta os actos que se teñen previsto celebrar durante o día de hoxe.
Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller hoxe día 25, que actos se celebrarán en Sarria?
Terá lugar na vila de Sarria a partir das 19.00 horas a charla coloquio Profesionais ao servizo da convivencia sen violencia.
O Salón de Sesións da Casa da Cultura do municipio acollerá esta charla coloquio que comezará coa recepción dos asistentes e posteriormente terá lugar a benvida e presentación da charla na que participará tamén o alcalde, Claudio Garrido.
Ás 19.30 horas comezará a charla na que intervirán Javier Hernández e Jose Ramón Boo (gardas civís pertencentes ó Equipo de Violencia de Xénero da Compañía de Monforte de Lemos), Covadonga González López (letrada ICA Lugo, colexiada que exerce no Colexio de Avogados de Lugo e está adscrita á quenda de Violencia de Xénero) e Sergio Orduña Alonso (maxistrado-xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero de Lugo).
Pensa que a cidadanía está suficientemente concienciada coa violencia de xénero?
Nunca é suficiente a concienciación por parte dos cidadáns. Nós dende o concello non queremos manifestar a nosa repulsa cara a violencia contra as mulleres neste mes de novembro, pensamos que é esencial que ó longo de todo o ano se leven a cabo actividades e se colabore e apoie esta loita dende unha institución tan importante como é o concello e é o que intentamos facer.
Facemos un chamamento para que ninguén mire para outro lado. Invitamos a que a xente actúe e non normalice certos comportamentos xa que hai determinadas vivencias e actuacións que teñen lugar nos fogares e non son cousas de familia, nin de matrimonio. Non as debemos ignorar e polo tanto debemos denuncialas.
Para iso hai un teléfono habilitado, o 016, que non deixa ningunha pegada no marcador do teléfono. Hai que alzar a voz e non esperar a que sexa demasiado tarde.
Que opina acerca da educación que reciben os nenos e nenas dende que son cativos?
Con respecto á educación é fundamental que eduquemos en igualdade. É de vital importancia educar no respecto e na igualdade, sen sexismos nin diferenzas. Somos todos iguais independentemente do noso xénero.
Por iso, é moi importante a educación de base dende as casas, dende os centros educativos, dende os centros deportivos e dende tódolos ámbitos nos que nos movemos en xeral.

Non debe ser un 8M ou un 25N unha data para que a muller sexa tida en conta, a muller ten que ser tomada en conta tódolos días do año non soamente nestas datas. Non se pode aprobar, tolerar, permitir ou consentir ningún tipo de maltrato. O 25N débenos lembrar que non estamos por enriba de ningún home pero tampouco estamos por debaixo.
Que programas están a desenvolver agora en Sarria por e para mulleres?
Sarria ten un colectivo moi importante de familias estranxeiras e agora mesmo estamos a desenvolver un programa de clases en español para favorecer a súa inclusión na vila, para axudalos a superar os problemas co idioma cando chegan aquí.
Pero non é un programa dedicado propiamente a mulleres xa que non quixemos segregar nin separar por xéneros. As clases están dirixidas tanto a homes como a mulleres, tamén para que os homes se integren no mundo das mulleres e viceversa.
O obxectivo principal deste programa é que as persoas estranxeiras poidan integrarse con tódalas facilidades, chegar a conseguir un emprego e non dependan economicamente de ninguén. Pero tamén crean un vínculo moi forte e importante coa persoa encargada de impartir as clases xa que con ela poden ter alguén con quen falar, alguén a quen contarlle os seus problemas ou informarse de calquera cosa… Moitas veces elas e eles chegan a Sarria e non saben a quen recorrer nin como desenvolverse. E esta persoa consigue axudalos a nivel de papeleo, tamén con temas dos seus fillos… Así homes e mulleres se integran e normalizan a súa situación.
Hai que abrir portas dende moi distintos ámbitos e de diferentes maneiras pero gustaríame resaltar que o máis importante é que coa violencia nunca debemos mirar para outro lado, todos temos que ser esa voz que igual esa muller non levanta por medo.