Skip to main content
Sarria

Arrinca o obradoiro de emprego Camiño de Santiago III de Sarria

Por 4 Novembro, 2022Sin comentarios

O obradoiro de emprego Camiño de Santiago de Sarria, impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da comezo na súa terceira edición e estenderá a súa formación ó longo dun ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde, Claudio Garrido, -entre outras persoas- participaron na presentación da actividade, dirixida a 20 persoas desempregadas que se formarán nas especialidades de Pavimentos e albanelería de urbanización e Instalación de elementos de carpintería. O obradoiro conta cunha achega da Xunta de 504.000 euros.

Arias afirmou que “a Administración autonómica segue apostando polos obradoiros de emprego porque constitúen un modelo formativo que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída”.

Engadiu que os talleres “deixan unha pegada importante nos concellos nos que se desenvolven, xa que realizan obras e prestan servizos moi importantes a nivel local. No caso de Sarria, as actuacións propostas nesta edición son a rehabilitación dos casetos do polbo, a pavimentación do tramo peonil contiguo e a reconstrución dos muros de cachotería da zona”.

O delegado territorial destacou que “este ano a Xunta aprobou todas as solicitudes presentadas por entidades locais lucenses para poñer en marcha un obradoiro de emprego”. Nese sentido, apuntou que “na provincia funcionarán ao longo dos vindeiros meses 21 novos talleres que suman 10,7 millóns de euros de investimento autonómico e benefician a 57 concellos, polo que o 85% dos municipios lucenses terá este ano un obradoiro dual financiado polo Goberno galego”, salientou Arias.