Skip to main content
Sarria

A residencia de maiores de Sarria aproba novas cotas para 2023

Por 25 Novembro, 2022Sin comentarios

A xunta reitora da residencia de maiores Nosa Señora do Carme da vila de Sarria vén de aprobar unha nova ordenanza de prezos públicos xunto co apoio do grupo de goberno.

Os aspectos principais que nela se contemplan pasan por contar cun aumento do orzamento con respecto ó do ano anterior chegando a acadar os 1,5 millóns de euros (cando para este 2022 estiveron fixados en 1.346.332 euros), aumentar a contratación de persoal na residencia e modificar as cotas que deberán aboar os usuarios do centro.

Con respecto ó presuposto do que disporá a residencia de Nosa Señora do Carme, este ano sumaban un total de 1.346.332 euros (1.004.500 euros en concepto de achegas dos residentes e a cantidade restante aportada polo Concello). Pois ben, para o vindeiro 2023 espérase que a cantidade económica da que se dispoña chegue a acadar os 1,5 millóns de euros.

Está previsto que se produza un aumento de persoal no centro pasando de 31 traballadores/as a 46 para así poder prestar un servizo de mellor calidade á poboación que o precise.

Aumentará sobre todo o número de xerocultores que crecerán de 9 a 16, pero tamén se producirá unha mellora noutros departamentos como no de enfermería, que pasará de ter dúas persoas a contar cun total de catro.

Con respecto ós usuarios do centro, producirase un cambio importante xa que os tres tipos diferentes de cotas que existían ata o de agora pasarán a ser dúas e o usuario pasará a pagar en función da súa renda e do seu patrimonio.

Calquera usuario que quixera ingresar na residencia de maiores Nosa Señora do Carme da vila de Sarria debía abonar 598 euros ó mes se era un residente válidos, 815 euros se necesitaba asistencia ou 1.140 se era dependente. Pois ben, coa nova ordenanza que toma como referencia o regulamento da Deputación para a súa rede asistencial, elimínase o nivel intermedio e quedan dous únicos prezos: 1.125 euros para persoas válidas e 1.460 se a persoa é dependente.

O usuario pagará en función da súa renda e do seu patrimonio coa vantaxe de que ninguén quedará fóra por non ter recursos económicos xa que a parte que non se alcance a pagar será financiada polo Concello.

Este acordo foi adoptado cos votos do grupo de goberno e a abstención da oposición pero aínda non é firme dado que terá que ser ratificado no pleno municipal.