Skip to main content
Axenda CaducadaBegonte

Begonte desenvolve un amplo programa contra a violencia de xénero

Por 21 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Begonte preparou un amplo programa de actividades para celebrar o Día contra a violencia de xénero, o 25N, que se prolongarán dende o 24 ata o 30 deste mes

A primeira destas actividades terá lugar o xoves 24, cun obradoiro de violencia de xénero e saúde na casa da cultura, ás 16.30 horas.

O propio Día contra a violencia de xénero, haberá unha concentración silenciosa para lembrar a todas as vítimas da violencia. Será ás 12.00 horas diante do Concello.

Tamén están programadas tres actividades máis relacionadas. O domingo 27 será tempo de teatro, coa representación da obra Cousas de Mulleres. Será na casa da cultura, ás 18.00 horas.

Tamén esa fin de semana e seguindo a tradición os equipos de fútbol sala do Concello de Begonte disputarán os seus partidos de categorías sénior masculino e feminino cunha camiseta conmemorativa do 25N.

A programación seguirá o 28 cun curso gratuíto de autodefensa para mulleres no telecentro de Begonte, entre as 16.30 e as 20.30 horas, que se repetirá o día 30. A inscrición para este curso ten de prazo límite o día 23.