Skip to main content
Guitiriz

Abre un novo prazo de matrícula para as vacantes nas escolas deportivas de Guitiriz

Por 24 Novembro, 2022Novembro 25th, 2022Sin comentarios

O Concello de Guitiriz  abriu onte e ata o próximo martes, 29 de novembro, o prazo para solicitar algunha das prazas vacantes nas diferentes disciplinas das Escolas Deportivas Municipais. As persoas que se inscriban nestas vacantes comezarán no mes de decembro.

As vacantes existentes son en fútbol sala (nas categorías de biberón a cadete), ximnasia rítmica, tenis de mesa, zumba infantil, atletismo e pádel ademais de ximnasia de adultos e ioga.

A matrícula poderá formalizarse de xeito presencial na casa consistorial, en horario de 8:30 a 14:30 horas e sempre con cita previa, ou a través da sede electrónica municipal.

As prazas cubriranse por estrita orde de inscrición e non se poderá inscribir unha mesma persoa na mesma actividade en dous grupos diferentes. O prezo das actividades será de 12 euros ao mes por alumno/a e actividade e o prezo da matrícula de 10 euros, que se aboará unha vez que a persoa estea admitida na actividade solicitada.

O Concello de Guitiriz aplicará descontos na matrícula nos seguintes supostos: 20% aos membros de familias numerosas, 20% na segunda actividade por estar matriculado en dúas ou máis e, por último, para familias con poucos recursos (consultar en Servizos Sociais do Concello).