Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Adxudican a obra para facer dúas piscinas en Outeiro de Rei

Por 7 Novembro, 2022Novembro 8th, 2022Sin comentarios

A Xunta vén de adxudicar o proxecto para a construción de dúas piscinas públicas e un centro BTT para bicicletas de montaña, cun investimento total previsto de máis de 1,1 millóns de euros, do cal o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal. O obxectivo da intervención é dotar ao municipio lucense dunha nova área deportiva e recreativa que terá como elemento principal o complexo acuático e os servizos complementarios asociados.

O ámbito de intervención correspóndese cunha parcela que ten unha superficie aproximada de 2.688 metros cadrados, localizada en Santa Isabel, preto da área recreativa do mesmo nome ao carón do Miño. O primeiro paso será a adecuación dos terreos nos que se proxecta o complexo, para de seguido acometer a construción das instalacións previstas e a urbanización do entorno.

A instalación central serán as dúas piscinas municipais ao aire libre, unha delas de uso infantil e a outra para adultos, que contarán con zonas destinadas a usos complementarios así como para aseos e vestiarios de uso público e área de enfermería.

A tal fin, o proxecto inclúe a construción dunha edificación que albergue, ademais das instalacións necesarias para dar servizo ás piscinas, estancias aptas para outras actividades. En concreto, unha cafetería con espazo para almacén, cociña e baños propios; e un centro BTT cunha zona taller para reparación das bicicletas, unha área exterior de lavado e aseos de uso exclusivo e independente para os seus usuarios.

Este proxecto levarase a cabo no marco do plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2010 para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

A modo xeral, grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas  en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.