Skip to main content
A Pastoriza

Queixas na Pastoriza pola falta de médico e o retraso nas consultas no centro de saúde

Por 9 Novembro, 2022Novembro 10th, 2022Sin comentarios

Os problemas coa asistencia médica nos concellos do rural de Galicia chegaron tamén ata a Pastoriza.

O equipo de Goberno fíxose eco das numerosas queixas das veciñas e veciños pola situación do Centro de Saúde da localidade “no que só hai un médico traballando ao non cubrirse as baixas de persoal que existen”, di o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra.

Segundo explicou o mandatario, púxose en contacto coa Xefa Territorial de Sanidade para expresarlle o profundo malestar por un funcionamento moi deficitario dun servizo esencial demandando que con carácter de urxencia se cubran as baixas médicas.

“A día de hoxe, a pesar da profesionalidade das/os traballadores/as, as citas médicas dánse como moi pronto para a vindeira semana”, engade o alcalde.

Esta situación de retraso estase a producir en numerosos concellos, que nalgunhas ocasións quedan algún día sen médico. As baixas e as xubilacións teñen moito que ver con esta situación que preocupa á veciñanza. Xa houbo protestas noutros concellos da comarca como Xermade ou Abadín, entre outros.