Skip to main content
A Pastoriza

A Deputación inicia os traballos na Avenida Principal da Pastoriza

Por 17 Novembro, 2022Novembro 18th, 2022Sin comentarios

O proxecto suporá a remodelación integral da vía que discorre polo centro da vila, coa dotación de novas beirarrúas, a rehabilitación do firme, a sinalización e melloras no alumeado público.

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana os traballos de mellora na avenida Principal do concello da Pastoriza. Trátase dunha obra na que a institución provincial inviste preto de 350.000 euros, que conta cun prazo de execución de 3 meses, e que afecta á estrada provincial LU-P-4401, ao seu paso polo centro da vila, dende o inicio da vía ao punto quilométrico 1,550.

O proxecto suporá a remodelación integral da rúa, coa dotación de novas beirarrúas, a rehabilitación do firme, a instalación de nova sinalización mediante marcas reflexivas brancas e a mellora do alumeado público.

Esta actuación complementa outro proxecto valorado en máis de 300.000 euros, xa en execución, para arranxar o pavimento de preto de 11 quilómetros nesta mesma estrada, que conecta á Pastoriza con Muimenta por Reigosa.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, sinalou que a LU-P-4401 é unha estrada cunha importante relevancia social porque atravesa o núcleo da localidade. “É unha vía moi empregada pola veciñanza da Pastoriza, pero tamén pola de Cospeito e Castro de Rei, así como por aqueles que se desprazan pola comarca chairega”, sinalou. Ademais, a vía dá servizo a varias instalacións deportivas, como o polideportivo, as piscinas municipais da Pastoriza e o campo de fútbol do Acebreiro, onde xoga habitualmente o UD Pastoricense.

“A mellora das comunicacións é unha prioridade para este Goberno”, subliñou Tomé Roca, que detalla que a institución provincial defende a mobilidade “como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia, porque unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural”. A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

A Deputación de Lugo destina este 2022 ao concello da Pastoriza preto de 1,3 millóns de euros a través de diferentes vías de actuación que melloran os servizos e calidade de vida dos veciños e veciñas.