Skip to main content
As PontesAxenda Caducada

A biblioteca das Pontes organiza unha festa de despedida polo cambio de ubicación

Por 11 Novembro, 2022Sin comentarios

A Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco celebrará o sábado, 12 de novembro, a partir das 17:00 horas unha festa para despedirse da súa antiga sede , tras comezar o traslado dos fondos bibliográficos, a semana pasada, a unha sede provisional no Mercado Municipal.

Trátase, en palabras do concelleiro de Cultura, Vicente Roca “dun acto simbólico a través do que queremos que os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal poidan despedirse das súas salas. Queremos que esta despedida sexa un bo momento, un día para lembrar e compartir coa familia que conforma a nosa Biblioteca”.

Así, para o público infantil contarase coa actuación de Chuches Amil, un proxecto musical dedicado a toda a familia, cun aceno contemporáneo en lingua galega así como coa animación da empresa local Picariños.

Para o público adulto está programada a actuación do grupo Black, liderado por Iria Mejuto que achegará  ás persoas asistentes á música soul a través dos grandes clásicos e das voces inesquecibles de Aretha Franklin, Stevie Wonder ou de artistas máis recentes como Amy Winehouse.

Así mesmo, e co obxectivo de que os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco compartan as súas experiencias, recordos e os momentos que pasaron no antigo edificio que albergaba a Biblioteca, haberá material á disposición das persoas que asistan a esta festa para que enchan as paredes baleiras con graffitis, notas, poemas ou debuxos.

 Traslado a unha nova sede

O Concello das Pontes comezou o día 31 de outubro o traslado provisional da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco á primeira e segunda planta do Mercado Municipal por mor do inicio das obras de reurbanización da Praza da América.

O día 31 de outubro a Biblioteca Municipal pechou as súas portas para rematar as tarefas de embalaxe dos fondos bibliográficos así como do mobiliario procedendo ao seu traslado á sede temporal, localizada no primeiro e segundo andar do Mercado Municipal, entre os días 4 e 6 de novembro.

A apertura ao público está prevista para mediados de novembro aínda que condicionada ao remate dos traballos de acondicionamento e iluminación do espazo.