Skip to main content
As Pontes

Abre nas Pontes a mostra ‘Micoloxía en Feminino’

Por 16 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes ao abeiro das xornadas micolóxicas As Pontes, Terra de Cogomelos, organiza en colaboración coa Universidade de Vigo e MycoGalicia Plantae, a exposición Micoloxía en Feminino. A exposición está formada por unha recompilación de vinte mulleres que dedicaron a súa vida ao coñecemento e a divulgación científica e, en particular, á ciencia que estuda os fungos e cogomelos, é dicir, á micoloxía.

Elena López, concelleira de Turismo afirmou “que é unha interesante proposta para acercar o mundo da micoloxía ao público xeral e descubrir o importante papel histórico das mulleres micólogas no progreso e avances científicos”.  A concelleira lembrou que a exposición poderá visitarse desde hoxe ata o 25 de novembro na Casa da Cultura Doutor Dopeso.

A través dos paneis informativos que compoñen a mostra pódese facer un percorrido polas máis destacadas micólogas de Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, Bélxica, Alemaña, Hungría, Países Baixos, México, Portugal, España, Canadá e Nova Zelandia. A exposición conta con dúas representantes de orixe galego, Filomena Arias Armesto, coñecida como a sabia de Torbeo, e Marisa Castro, autora de máis de 20 libros e 200 artigos científicos e divulgativos, así como directora do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo desde 1991 a 2021. Precisamente Marisa Castro participou hai só unha semana, no faladoiro Galicia, entre a micofobia e a micofilia, actividade que forma parte das xornadas As Pontes, Terra de Cogomelos deste ano.

A idea da exposición é de Mauro Rivas, micólogo do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo e socio do Grupo Micolóxico Galego. Entre as súas experiencias profesionais destaca a súa colaboración nos Países Baixos con Naturalis Biodiversity Center, onde realizou traballos de creación de bases de datos de secuencia de ADN de fungos e filoxenética de fungos da familia Russulaceae.

Na inauguración da exposición, a concelleira de Turismo comentou que esta fin de semana, celebrouse un faladoiro sobre o cultivo e a domesticación de cogomelos e unha saída de micolóxica ao couto micolóxico do Monte Forgoselo, actividades nas que participaron máis de 50 persoas e para as que o Concello das Pontes contou coa colaboración de María Cabaleiro, Paula Estévez e Hugo Fernández, membros de MycoGalicia Plantae.

Este venres 18 de novembro ás 18:30, continúan as xornadas Terra de Cogomelos cun novo faladoiro, nesta ocasión sobre o marco normativo vixente en Galicia e sobre os coutos micolóxicos. As presentacións correrán a cargo de Odón López, técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, e de Alejandro Souto, técnico do couto micolóxico do Monte Forgoselo. A actividade será na Casa Dopeso, e para participar é recomendable reservar praza no teléfono 604.04.73.37 ou no correo terradecogomelos@gmail.com.