Skip to main content
As Pontes

O Parlamento galego acorda pedir informes sobre a situación da térmica pontesa

Por 17 Novembro, 2022Novembro 18th, 2022Sin comentarios

O Parlamento galego demandou ao Goberno que estableza unha canle de información “permanente” acerca da situación da central térmica das Pontes.

A iniciativa, levada este mércores a Comisión 6ª da Cámara autonómica polo PPdeG a través dunha proposición non de lei, foi aprobada co respaldo unánime dos grupos.

En concreto, o texto insta á Xunta a reclamar ao Estado a creación dunha canle de información “permanente” sobre o estado da central das Pontes, que na actualidade ten en funcionamento dous dos seus catro grupos.

Os grupos avogan por que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ofreza a “máxima sensibilidade” para evitar que o proceso de reconversión deixe fóra aos traballadores de Endesa, a industria auxiliar e aos transportistas.

Por iso, piden que todos eles estean representados na canle de información, no que tamén reclaman que figure a Administración autonómica.

Así as cousas, a Cámara reclama ao Ministerio que aclare “a capacidade real e efectiva” da consideración outorgada á central das Pontes como nó de transición xusta.

“É necesario que o Goberno central aclare a capacidade dispoñible efectiva deste nó das Pontes para ver a compatibilidade no proceso de desmantelamento parcial da central cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren levar a cabo na zona”, aseverou a deputada do PP Marta Nóvoa.