Skip to main content
As Pontes

Máis de 1.500 persoas asistiron ás sesións de cine das Pontes en outubro

Por 19 Novembro, 2022Sin comentarios

Durante o primeiro mes de regreso das proxeccións cinematográficas ao Concello das Pontes, foron 1.509 as persoas que puideron gozar do cine de estrea.

Desde o goberno municipal, Vicente Roca, responsable da área de cultura apunta que “estas cifras referendan o noso convencemento sobre os hábitos de consumo do cine na nosa vila a pesar da situación actual da industria do cine e das salas de proxección, que sofren unha caída moi significativa de público debido á competencia doutras maneiras de acceder aos contidos cinematográficos. Continuaremos con esta aposta cultural, ofrecendo á veciñanza unha programación de calidade e estable durante todo o ano, a excepción dos meses de verán, a un prezo reducido”.

Durante o mes de outubro proxectáronse un total de 10 títulos, dous españois e 12 norteamericanos que sumaron no seu conxunto un total de 25 pases.

O título que máis persoas espectadoras logrou congregar foi a película de animación, con tres pases e 445 espectadores/as, Tadeo Jones seguido polos filmes Minions, el origen de Gru e DC Liga SuperMascotas con 327 e 298 persoas espectadoras, respectivamente, repartidas en tres pases.

No caso do cinema dirixido ao público adulto, o título español, La vida Padre foi o máis visto, superando as 175 persoas espectadoras mentres que Viaje al Paraíso con 175 persoas espectadoras e Elvis con 126 espectadores ocuparon o segundo e terceiro lugar entre os filmes preferidos polo público das Pontes.

Desde o Concello das Pontes anímase ás familias e á veciñanza a seguir gozando desta oferta cinematográfica, “antes impensable, cunha ampla programación deseñada para todos os públicos, que completa e dá maior empaque ás actividades culturais organizadas desde o goberno municipal, promovendo e garantindo, ó mesmo tempo, o acceso á cultura en todas as súas manifestacións”.