Skip to main content
As Pontes

O IES Castro da Uz estrea unha aula de emprendemento

Por 22 Novembro, 2022Sin comentarios

Ao IES Plurilingüe Castro da Uz concedéronlle recentemente a creación dunha Aula de Emprendemento, outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade tras presentar un proxecto que ten como fin sensibilizar ao alumnado no emprendemento, tanto empresarial como social, sostible e colaborativo.

Dito proxecto, que está enmarcado na Rede Eduemprende da Xunta de Galicia, pretende establecer unha estratexia para impulsar as habilidades emprendedoras imprescindibles no novo marco socioeconómico cara ao que se encamiña a economía. Esta actuación é cofinanciada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e pola Unión Europea NextGenerationEU, dentro do programa de cooperación territorial.

Onte, tivo lugar un pequeno acto de inauguración da mesma cunha charla – coloquio: O Fomento da Cultura Emprendedora da nosa Contorna, moderada pola profesora Mercedes Argibay, que coordina dita Aula de Emprendemento e imparte a materia de Empresa e Iniciativa Emprendedora nos Ciclos Formativos.

No acto estiveron presentes Antonio Alonso, tenente de Alcalde; Tania Pardo, concelleira da Área de Benestar Social e Igualdade; Lorena Tenreiro, concelleira de Organización Interna e Medios Locais; Ana Pena, concelleira da Área de Recursos Humanos, Industria e Emprego e Erika Sanz, técnica de emprego local.

Tamén estiveron presentes José Castro e Carolina García, presidente e xerente, respectivamente, da Asociación de Empresarios Seara. Dende a Consellería asistiron Carmen e Patricia Asesoras de Emprendemento no sistema educativo e dende Cohempo contaron coa súa presidenta, Montse Gastelu.

Do centro educativo destacaron o “inestimable labor” de Óscar Pita, dinamizador da relación con empresas na FP, e de José A. López e Ana Veloso, director e secretaria do centro, así como a colaboración de Cristina Díaz, xefa do departamento de Informática.

A actividade desta aula comeza co desenvolvemento de distintas propostas para incentivar a creatividade e o traballo en equipo, así como a igualdade no emprendemento, o fomento da economía circular e a alianza con outros centros educativos e empresas.

Ao longo deste curso, ofrecerá varios obradoiros como o de fotografía orientada ao márketing, o de marca persoal ou o de emprego de redes sociales como elemento de difusión da empresa.

Esta iniciativa nace coa idea de ser un lugar de referencia para o alumnado que en calquera momento da súa vida queira emprender e que conta co compromiso de apoio de todas as institucións e empresas alí representadas.