Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba critica a falta de coidado do auditorio municipal

Por 22 Novembro, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba condena o “abandono e falta de coidado e protección dos espazos públicos” por parte do actual goberno local socialista cando se trata de instalacións creadas por outra administración de distinta cor política porque “supoñen un importante prexuízo para os seus usuarios”. Os populares explican que lle corresponde ao goberno local xestionar o auditorio municipal e, polo tanto, piden a comparecencia do concelleiro ou concelleira responsable porque “é necesario que o goberno local dea conta dos motivos do abandono da custodia e seguridade das instalacións do auditorio, que explique os motivos para non executar as reparacións solicitadas polas entidades usuarias das súas instalacións fai case un ano e da imposibilidade de comunicación dos veciños e asociacións coa concelleira de Cultura para expoñerlles as súas suxestións”.

Os populares trasladarán así ao pleno as queixas dos usuarios que “fai case un ano trasladaban ao goberno local a necesidade de facer certas reparacións no auditorio. Foi meses máis tarde cando o concelleiro Eduardo Vidal acudía para ver as instalacións e facer unha relación das necesidades, pero dende esa data nunca máis se soubo do asunto e non se fixo ningunha reparación porque arrincar a fechadura da conserxería e substituíla por un anaco de cartón e celo entendemos que entra dentro da definición de chapuza, non de reparación”, segundo considera a voceira, Sandra Vázquez. “Esta tardanza supón un deterioro maior das instalacións que se traducirá nun maior custo no momento de levar a cabo as reparacións”, advirte.

Por outra banda, os populares explican que “estas instalacións custodian instrumentos musicais que se poden ver danados, especialmente os de corda, pola humidade en épocas de frío e xeada motivo polo cal existen carteis nas propias aulas advertindo que as xanelas deben quedar pechadas. Todo isto foi trasladado á concelleira de Cultura, á propia alcaldesa e a outros membros do goberno; pero ata o agora as entidades e usuarios do auditorio non obtiveron resposta e, moito menos, unha solución”.

A popular considera “absolutamente aberrante que o propio equipo de goberno sexa coñecedor de todo o mencionado e permaneza impasible ante esta grave situación”.

MÁIS EXEMPLOS DE ABANDONO

A voceira, Sandra Vázquez, explica que “a este paso o auditorio de Vilalba pasará xunto ao de Lugo á colección de auditorios galegos abandonados a mans dos socialistas. E se miramos cara á cidade de Lugo, podemos atopar outro paralelismo entre a praia fluvial pantasma prometida hai 12 anos e o parque acuático de Vilalba. Pero, para desgraza dos veciños e do noso Concello, o auditorio non é a única instalación municipal abandonada en mans do equipo de goberno, a esta lista debemos sumar o pavillón municipal, as instalacións da Magdalena, as pistas de tenis, as escolas de rural como a de Oleiros que se atopa nun estado lamentable, e un largo etc. Este goberno local chegou coa promesa do cambio; pero desgraciadamente o cambio foi levar á deriva moitos servizos municipais, descoidar instalacións públicas e, incluso, pasar por riba dun principio propio dunha política de altura ao tratar de tapar a boca á oposición, é dicir, a unha parte dos representantes dos vilalbeses”.

O Grupo Municipal Popular tamén é consciente do abandono no ámbito rural. Polo tanto, instará ao goberno local no vindeiro pleno a iniciar o expediente para proxectar a traída da auga na parroquia de Lanzós, e comezar traballos futuros para as parroquias de Román e Carballido. Así mesmo, tendo en conta que no pleno de xullo se aprobou o investimento de 900.000 euros para mellorar  servizos e infraestruturas en 21 parroquias, deixando en situación de desamparo ás restantes, os populares tamén pedirán que o Concello de Vilalba inclúa unha partida económica para mellorar infraestruturas nas parroquias de Belesar, Boizán, Mourence, Noche, Oleiros, Sancovade e Soexo para dar cumprimento ao principio de equidade e non discriminación a ningunha parroquia e, polo tanto, a ningún vilalbés ou vilalbesa.

Os populares advirten que o abandono do goberno local socialista se pode apreciar tamén no ámbito da xestión. Entre outros asuntos, a portavoz lembra concretamente que o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria leva caducado máis de dous anos e nada se sabe da renovación que calquera goberno responsable, previsible e transparente tería lista en tempo e forma. Nese sentido, preguntarán pola situación actual do proceso de renovación e se o goberno local socialista ten previsto sacar a licitación o contrato antes de final do 2022.