Skip to main content
Xermade

A Xunta adxudica o cambio de titularidade de dúas estradas en Xermade

Por 15 Novembro, 2022Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade dun treito antigo da estrada autonómica LU-170, que comunica Parga e Cabreiros; e dun treito antigo da LU-861, que une Vilalba ata o límite da provincia en Igrexafeoita. Ambos os dous treitos transfírense xunto co seu dominio público viario asociado.

Concretamente, transfírese a titularidade do treito antigo da LU-170, con inicio no punto quilométrico 28+960 da marxe dereita da actual LU-170 e ata o quilómetro 15+510 da marxe esquerda da LU-861, cunha lonxitude de 611 metros aproximadamente, ademais dos 12.189 m2 de superficie do seu dominio público.

Tamén se transfire o treito antigo da LU-861, na súa marxe esquerda, entre o punto quilométrico 16+020 e o 16+140, cunha lonxitude aproximada de 130 metros, e a superficie do seu dominio público asociado, 2.553 m2 .

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 27 de outubro: https://acortar.link/BU83ve

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Xermade terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.