Skip to main content
Lugo

A asociación Aspnais inaugura nova sede

Por 19 Novembro, 2022Decembro 1st, 2022Sin comentarios

A Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais) inaugurou este venres a súa nova sede situada no inmoble do antigo hospital de San José cedido de forma gratuíta pola Deputación á asociación.

No acto de inauguración, ó que asistiron numerosas personalidades do ámbito social, cultural e político, Pablo Rivera felicitou a Aspnais polo resultado desta actuación nun edificio que forma parte do patrimonio provincial, e que é “unha mostra clara dos extraordinarios resultados que ten na nosa sociedade a colaboración entre administracións e co tecido asociativo”.

Grazas á cesión da institución deste emblemático edificio de 10.000 m2 de superficie, o colectivo conta hoxe cunhas instalacións na cidade de Lugo “máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade”, afirmou Rivera.

Unha colaboración, recalcou, que se enmarca nun dos eixos de acción da política social desta institución “que materializamos en medidas que xorden da colaboración co tecido asociativo do ámbito social, como é precisamente neste caso con Aspnais, e tamén cos concellos da provincia”, recalcou. Nese compromiso, un claro exemplo, “é a ampla rede pública de Protección Social, que xa é unha sinal de identidade da Deputación de Lugo, e que é un referente no resto do país e mesmo no ámbito europeo polo modelo de asistencia ás persoas maiores que temos implantado nas nosas residencias”, afirmou Pablo Rivera.

O deputado de Promoción, Social e Económica, xunto ao presidente de Aspnais, José Reigosa, a acaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e outras autoridades, visitou as novas instalacións que prestan servizo a 173 usuarios e usuarias, para levar a cabo as diferentes actividades e obradoiros que desenvolve a asociación.

O Concello financiou con 130.000 euros a elaboración do proxecto de remodelación do antigo hospital, que a Deputación de Lugo cedeu a esta asociación lucense, durante un período de 50 anos.

Neste senso, Lara Méndez destacou “a colaboración entre administracións e o apoio do Concello de Lugo para que o proxecto de remodelación do hospital San José se levara a cabo, acadando unhas magníficas instalacións que pemitiron a este colectivo social non só unificar os seus servizos, senón tamén duplicalos, gañando un novo espazo de 10.000 metros cadrados, con capacidade para atender a 300 persoas”.

Así mesmo, a rexedora felicitou a Aspnais “polo excepcional labor que levan realizando dende hai máis de medio século -56 anos-, día a día, cunha gran dedicación, para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración das persoas con diversidade funcional” e reiterou o compromiso do executivo municipal “con todas as persoas que sofren esta doenza, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”.

“No Concello de Lugo temos un marcado carácter social, unha especial sensibilidade que nos fai implicarnos con todos os proxectos emprendidos na nosa cidade no eido do Benestar”, subliñou. Así mesmo, desexou éxito a Aspnais “nesta nova etapa que estades iniciando no antigo hospital San José, un proxecto no que dende o Concello temos a sorte de tomar parte poñendo o noso gran de area”.

Ao remate do acto, rendeuse un sentido e emotivo homenaxe á alma máter deste colectivo, Conchita Teijeiro, co descubrimento dunha escultura ao pé deste edificio, obra do escultor galego José Morales. Rivera Capón puxo en valor a figura de Teijeiro, que promoveu a cesión destas instalacións e mantivo unha plena dedicación a favor do colectivo que presidiu durante máis de catro décadas.