Skip to main content
Mondoñedo

O I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela do Concello de Mondoñedo xa ten dono

Por 24 Decembro, 2022Decembro 26th, 2022Sin comentarios

O I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela do Concello de Mondoñedo xa ten dono despois de reunirse o xurado nas dependencias da Biblioteca Pública de Mondoñedo.

Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio do concurso ao orixinal presentado baixo o título Hotel Carioca. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Antón Riveiro Coello.

O xurado destaca en Hotel Carioca como “a construción literaria do texto que alterna, con mestría, tempos e espazos e incorpora un fino xogo metaliterario, para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva”.

Novela plural, fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (Finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, Riveiro Coello é un dos grandes nomes da literatura galega dos últimos anos.

O xurado estivo formado constituído por Armando Requeixo, en calidade de Coordinador, Patricia Arias Chachero, Malores Villanueva, Marcos Calveiro e Carlos Loureiro, como vogais, e Abel Vigo actuando como secretario.

Tamén si, o xurado quere significar e agradecer o esforzo da Editorial Galaxia (que será a responsable da publicación da obra gañadora), da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e do Concello de Mondoñedo.

O premio, dotado con 9.000 euros, comporta tamén a publicación da obra gañadora pola Editorial Galaxia, que a dará a coñecer durante o transcurso dunha gala de entrega do galardón que terá lugar en Mondoñedo nos primeiros meses do ano 2023.