Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Adega di que a eólica mariña pretende ocupar áreas con hábitats protexidos vetadas á pesca de fondo

Por 3 Decembro, 2022Sin comentarios

Adega vén de comunicar que a eólica mariña pretende ocupar áreas con hábitats protexidos vetadas á pesca de fondo, así, “a recente protección da Comisión Europea de deterninadas áreas mariñas fronte á pesca de fondo semella non valer para as eólicas. Os valiosos hábitats de fondos rochosos con corais fríos obxecto de protección fronte a estas artes poden ser ocupados cos mortos, ancoraxes e liñas de evacuación dos parques eólicos mariños”, din dende o colectivo.

O documento marco no que as empresas eólicas están a basear as súas propostas de parques mariños é o POEM (Plano de Ordenación do Espazo Mariño), “aínda está sen aprobar polo Ministerio”, din, “este POEM delimitaba unha serie de áreas preferentes e de alto potencial para o aproveitamento enerxético, así como unha cartografía de hábitats e afeccións, na que por certo non se consideraron os caladoiros de pesca nos que faena a frota galega. Malia a que este documento de planificación aínda non foi aprobado, e o Ministerio decretou unha moratoria no verán de 2021 até a aprobación dun novo marco normativo para as instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, as empresas seguen presentando proxectos (e van 8)”.

Plano de Ordenación do Espazo Mariño

Superposición da planificación da eólica mariña proposta no POEM aos polígonos para os que a CE vén de declarar a exclusión para a pesca con artes de fondo

É o caso do recente parque eólico Galwind, fronte á costa de Ortegal promovido pola empresa madrileña “Instalaciones y Servicios Moscardó III, S.L. Na documentación deste proxecto detállanse as afeccións das instalacións propostas, nas que se poden apreciar interferenzas coas áreas nas que están presentes fondos rochosos con hábitats protexidos pola CE. “Estas afeccións atinxen fundamentalmente ás liñas de evacuación, dúas no caso do parque Galwind de varias ducias de quilómetros cada unha. Porén a empresa non aponta impactos significativos aos fondos rochosos polos fondeos dos aeroxeradores e subestacións, infraestruturas que requiren de numerosas fixacións e estruturas ancoradas aos fondos (un mínimo de 3 por muíño) de xeito permanente”, din.

Nunha análise detallada da documentación do parque Galwind, comparándoa coa cartografía do Ministerio, “pódese apreciar a sorprendente omisión dunha tesela de 2,69 km² con fondos rochosos de corais fríos situada baixo o vértice sur do parque (ver figura 1, círculo amarelo)”, engaden. O nível de detalle da cartografía do proxecto “non xustifica esta omisión, por canto incorpora os mesmos dados, á mesma escala e da mesma fonte que a documentación oficial.

Existe portanto, unha significativa afección non declarada pola promotora do Galwind aos hábitats que a CE considera de interese para a conservación, os mesmos para os que acaba de decretar a exclusión da actividade pesqueira de fondo”.

Asemade, ao superpoñer a planificación da eólica mariña proposta no POEM aos polígonos para os que a CE vén de declarar a exclusión para a pesca con artes de fondo, obsérvase que algunhas áreas consideradas como de alto potencial eólico “inclúen polígonos vetados pola CE á pesca de fondo para salvagardar hábitats sensibles”, engaden (ver figura 2). Como xa teñen denunciado, para ADEGA non é admisible que o Ministerio estea a tramitar, incumprindo a súa propia moratoria, parques eólicos mariños. Mais o que xa resulta escandaloso é que por parte da CE se veten determinadas áreas para conservar os seus fráxiles ecosistemas, mentres o Ministerio segue a permitir a súa ocupación polas instalacións eólicas.