Skip to main content
Cultura AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXAXove

Antonio Rey: “O obxectivo para esta tempada volve ser o ascenso a Segunda B”

Por 4 Decembro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Antonio Rey é o secretario da Sociedade Deportiva Xove FS.

Como naceu o club?

Pois o club naceu no ano 2009, xuntámonos unha serie de amigos que xogabamos ao fútbol e ao fútbol sala e creamos o club para participar na liga provincial e poder seguir xogando e desfrutando deste deporte. Varios dos que creamos o club e xogamos aquel ano e ascendemos a liga autonómica formamos parte da directiva agora. Ascendeuse dende Provincial a Autonómica e ao ano seguinte conseguimos praza na Terceira División e en tres tempadas logramos o ascenso a Segunda B.

Quen se atopa á fronte da SD Xove FS? Cantos membros son?

A día de hoxe somos 9 directivos, cada un co seu posto desde o presidente ata os vogais, pero de todas formas intentamos consensuar todas as decisións sempre en conxunto e coma o que somos, un grupo de amigos.

Como afrontan esta nova tempada?

O obxectivo para esta temporada volve ser o mesmo que na anterior, o ascenso de novo a Segunda B. A tempada pasada levamos un duro golpe ao perder na final en Burela fronte ao Vilalba, pero este ano creo que confeccionamos un equipo para facer unha moi boa tempada e acadar o obxectivo.

De que logros se sente máis orgullosos?

Hai varios momentos deportivos dos cales sentirnos orgullosos, ascenso a Segunda B, campións Copa Deputación de Lugo, disputa da Copa do Rey, partidos de Copa Galicia, o ascenso do noso xuvenil á Liga Galega etc., pero o que nos fai sentir máis orgullosos é ver o ambiente que hai no pavillón municipal cada fin de semana nos partidos do primeiro equipo, e tamén estamos moi orgullosos da nosa base e de ir medrando cada tempada un pouquiño máis en estrutura de club.

En que categorías militan?

Agora mesmo participamos na Terceira División da RFEF. Disputamos o mes pasado e por primeira vez na historia do club a Copa do Reida RFEF e tamén a Copa Galicia e a Copa Deputación.

Canto tempo é necesario dedicarlle aos adestramentos?

O equipo sénior adestra 3 días á semana, dúas horas máis ou menos cada día, e logo os da base, cadetes e infantís dous días con adestramentos dunha hora e media máis ou menos. Xa son os adestradores os que se encargan de xestionar os adestramentos, sempre co apoio dos directivos.

Haberá algunha novidade para a tempada que vén?

A novidade máis importante desta temporada que comeza é loxicamente a disputa da Copa do Rei que tanta ilusión nos fixo a todos e como que finalmente non puidemos superar a terceira rolda pois xogábamos co Burela FS.

Cales son os proxectos máis inmediatos que teñen en mente?

A nosa idea é intentar seguir mellorando en estrutura cada ano, intentar aumentar os equipos de base, que os nenos se animen a xogar ao fútbol sala e tamén manter o noso equipo sénior aínda que cada vez é máis complicado atopar xogadores, levamos xa varias tempadas que costa moito confeccionar os equipos por falta de xente, tanto no sénior coma nos equipos de base.

Que aporta o club á vida deportiva de Xove?

Entendemos que sobre todo as fins de semana cos partidos dos diferentes equipos hai moita afluenza de afeccionados doutras partes de Galicia agora, e noutras épocas que estabamos en Segunda B pois viña tamén moita xente de Asturias e Castela León para apoiar aos seus equipos. Tamén loxicamente aporta sobre todo a oferta que mantemos para que os rapaces en idades infantil, cadete e xuvenil poidan desfrutar e competir con nós neste deporte que sempre tivo en Xove moita aceptación.

Contan con apoio municipal?

Para manter o club, para facer actividades, etc.. Claro, sen o apoio do Concello non sería posible, estivemos moitas tempadas en Segunda B como único club da provincia, isto conleva moito gasto en viaxes, en arbitraxes, gastos federativos, etc, que sen o apoio do noso Concello non sería posible. Estamos moi agradecidos do seu apoio en todo momento, sempre podemos contar con eles e iso é moi importante.

Que necesidades teñen?

Si algo está claro que non viría mal, sería poder contar con outro pavillón, máis adaptado para a práctica deportiva. O actual está claro que é un clásico e que todos os de Xove lle temos un cariño especial, por todo o que levamos vivido neste lugar, a parte de pavillón de deportes sempre foi un lugar no que xuntarse para todo, eventos deportivos, romarías culturais, baile rexional dos nosos amigos de Saiñas, conveccións, encontros de Palilleiras, etc: sabemos que nestes momentos é complicado, pero si que estaría ben poder contar cun novo pavillón adaptado e preparado soamente para eventos deportivos.

Como valoran o apoio do pobo?

A xente de Xove sempre foi moito de fútbol sala, sobre todo dende que se comezara a facer o maratón de fútbol sala, que era coñecido en toda Galicia e parte de España. Viña xente e xogadores incluso profesionais de todas partes e era un torneo que todos esperabamos sempre que chegara o mes de xuño para poder desfrutar deste deporte, eu creo que moita xente quedou con moitas ganas de fútbol sala dende aquela e aí estamos nós.

Teñen algunha lembranza especial dalgún partido?

Temos recordos importantes dos derbis de Copa Galicia no noso pavillón fronte ao Burela FS e tamén fronte ao Santiago Futsal cando estes dous equipos militaban na Primeira División.

Como veremos ao club dentro dalgúns anos?

Esperamos velo polo menos como estamos agora, iso sería un bo sinal nos tempos que estamos, o que si que nos gustaría é poder contar con moitos máis nenos para os nosos equipos da base. Deportivamente, esperamos velo a vindeira tempada na Segunda B.