Skip to main content
Deportes AMARIÑAXARibadeo

Asinado un convenio co Ribadeo FC de 15.000 euros

Por 14 Decembro, 2022Sin comentarios

Foi asinado un convenio de colaboración da subvención nominativa deste 2022 co Ribadeo FC que ascende a 15.000 euros. 

O rexedor dixo: “debemos subliñar a importante achega que se efectúa ao Ribadeo FC, pois dos 11 clubs que reciben axudas, este é o que máis achega recibe, significando un 35% do total de fondos. O resto de clubs, de baloncesto, de hóckey, de piragüismo, de remo, de fútbol sala, de atletismo, de tenis de mesa, de sendeirismo, de pesca, etc, reciben entre todos 28.000 euros, isto é o 65% restante”.

Suárez Barcia manifestou: “por iso o Ribadeo FC, ao igual que o resto de clubs deportivos, quedan comprometidos á promoción do deporte base así como ao cumprimento no establecido no convenio de colaboración, como poden ser a xustificación dos gastos nos conceptos sinalados, a exhibición dos logotipos do Concello nos lugares destacados da vestimenta, a presentación dos gastos subvencionados correspondentes ao ano natural, con facturas de curso legal, etc”.

O alcalde ribadense subliñou: “desde o Concello queremos destacar o enorme compromiso que temos co fútbol como así o demostran as axudas ás dúas entidades de fútbol que temos aquí na vila e os cuantiosos investimentos feitos nestes últimos anos tanto na renovación integral do céspede do estadio municipal (430.000 euros) como no seu mantemento, como agora tamén con esta inversión que estamos a realizar no campo de adestramento da Devesa, que supón uns 50.000 euros. E estes fortes investimentos teñen o importante compromiso da Deputación de Lugo, que nos axuda a poder afrontar estes desafíos. E desde logo tendemos a man, coma sempre,con apoio económico, técnico e de infraestrutura e por riba de todo co tratamento por igual a todos os clubs deportivos, sexan estes ou  non, de pelotas, de balóns ou do que sexa”.