Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

A Xunta será parte coadxuvante no recurso da OPP de Burela contra o veto á pesca de fondo

Por 16 Decembro, 2022Sin comentarios

O Goberno galego acordou na reunión do Consello da Xunta intervir como parte coadxuvante no recurso de anulación presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) contra o regulamento de execución da Comisión Europea que establece o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. Este feito permitiría á Administración autonómica participar no proceso, responder aos argumentos da parte demandada e reforzar os da parte demandante.

Deste xeito, o Executivo autonómico intensifica o apoio que vén brindando desde o principio neste asunto tanto ao sector marítimo-pesqueiro afectado por esta prohibición como ao Goberno estatal, que xa presentou o seu propio recurso e ao que Galicia aportou argumentos técnicos e xurídicos para fundamentalo. 

Esta actuación é un paso máis na defensa dos intereses da frota galega e enmárcase na aposta por avanzar na vía xudicial para frear esta prohibición. Adóptase para facer fronte a unha medida que no primeiro mes de vixencia supuxo a redución dun 50% nas capturas e dun 20% na facturación do palangre de fondo en Gran Sol. Ademais provoca a saída da frota dunhas zonas de pesca nas que veu faenando durante décadas a outras nas que xa se atopan outros buques, co solapamento de áreas de traballo. 

De aí a importancia de sumar esforzos nos recursos contra esta prohibición ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, tanto o presentado polo Executivo estatal como o interposto polo sector de xeito individual. 

Trátase dunha decisión que se realiza atendendo tamén ás suxestións dos distintos asesores xurídicos consultados polo Executivo galego que aseguran que hai grandes posibilidades de que a Xunta sexa admitida a intervir como parte coadxuvante. De feito, esta actuación realízase tendo en conta que o Estado -que xa presentou o recurso- é un actor privilexiado e ten moito máis fácil xustificar e fundamentar os prexuízos que lle causa como país membro. Nesta liña, indica que a fórmula de acompañar ao sector é a máis oportuna para a intervención dunha comunidade autónoma.

Presentación da demanda

A Xunta debe presentar a demanda de intervención como parte coadxuvante no recurso presentado pola OPP de Burela no prazo de seis semanas a partir da publicación do anuncio da súa presentación no Diario Oficial da Unión Europea. Posteriormente o Tribunal Xeral da Unión Europea deberá decidir sobre a demanda de intervención. No caso de ser admitida, débese presentar un escrito de formalización da demanda de intervención no prazo que fixe o Tribunal.

Este asunto aprobado hoxe no Consello da Xunta foi trasladado onte ao sector no pleno do Consello Galego de Pesca unha vez que rematou o prazo do sector para recorrer de xeito individual esta prohibición da Comisión Europea á pesca de fondo.