Skip to main content
Burela

Burela terá un Campamento de Nadal no pavillón dos institutos

Por 21 Decembro, 2022Decembro 22nd, 2022Sin comentarios

A Concellería de Deportes organiza un Campamento de Nadal, que terá lugar do 26 ao 30 de decembro no pavillón dos institutos. Son 60 as prazas que se ofertan para as nenas e os nenos de Burela. A inscrición estará aberta este xoves e este venres.

O edil Ramiro Fernández Rey contou que “o Campamento de Nadal será desde o 26 ata o 30 de decembro no pavillón dos institutos de 10 a 14 horas. Este campamento vai contar con actividades deportivas, obradoiros de Nadal, xogos alternativos e unha festa con inchables. Ten un límite de inscrición de 60 persoas e todos os interesados poderán apuntarse no Concello por mediación do técnico de Deportes, que terá un sitio habilitado para iso o xoves e o venres entre as 10 e as 13 horas”.

O concelleiro de Deportes relatou que “ademais disto para o día 2 de xaneiro vamos ter unha ruta en bicicleta e os días 3 e 5 de xaneiro haberá unha actividade que se chama Happy Dance, que xa fixemos aquí no verán e que tivo moito éxito, polo que decidimos facelo tamén nestas datas de Nadal. E vamos rematar o mércores 4 de xaneiro con outra ruta en bicicleta, que tamén fará o técnico de Deportes. As rutas en bicicleta e a Happy Dance son abertas a todo o que se presente, non fai falta inscrición previa”.

Fernández Rey subliñou que “con isto o que queremos é que os nenos aproveiten estas datas para facer actividades novas e darlle a posibilidade aos pais para que poidan conciliar un pouco mellor o traballo con ter os nenos e as nenas na casa. Esperamos que sexan un éxito estas actividades, que complementan perfectamente todo o que temos preparado para o Nadal en Burela”.

A ruta en bici do luns 2 de xaneiro é para nen@s de 6 a 9 anos de idade e desenvolverase de 11 a 13 horas con saída desde a Praza do Concello. Tamén comezará nese ese lugar a do mércores 4, que é para rapaces de 9 a 16 anos e realizarase de 10 a 13 horas. O Happy Dance é para nen@s desde os 4 anos e desenvolverase o martes 3 e o xoves 5 de xaneiro de 11 a 12:30 horas na Praza de Abastos.