Skip to main content
Mondoñedo

Rematada a parcelaria de Mondoñedo Norte que afectou unha superficie de 811 hectáreas

Por 15 Decembro, 2022Sin comentarios

José González destacou que, grazas a este traballo, a superficie media das parcelas triplicouse, pasando de 1.525 a 5.746 metros cadrados e de 5.317 predios a 1.335 parcelas finais.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, entregou os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte, no concello homónimo. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 811 hectáreas, pertencentes a 696 veciños. 

Neste acto, o conselleiro destacou que, grazas a este traballo, que supuxo un investimento de algo máis de 2,2 millóns de euros, pasouse de 5.317 predios a 1.335 parcelas finais. Desta forma, a superficie media das parcelas triplicouse, ao pasar de 1.525 a 5.746 metros cadrados. Así mesmo, cómpre destacar que a Xunta investirá preto de 48.400 euros en diversas obras complementarias desta concentración, dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) 2022. Estas actuacións consistirán na mellora, adecuación e ampliación de diferentes camiños da parcelaria.

Así, advertiu José González, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, apuntou, as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias.  

De feito, entre o ano 2020 e o que vai de 2022, salientou o conselleiro, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. 

Así mesmo, o titular de Medio Rural lembrou que só neste ano 2022 se decretaron un total de 13 novas zonas de reestruturación parcelaria -tres na provincia de Lugo, concretamente nos municipios de Abadín, Becerreá e Castroverde; catro na de Ourense e seis na de Pontevedra-, dun total de 23 previstas que supoñen case 19.400 hectáreas e que beneficiarán preto de 14.000 propietarios. De feito, apuntou, en próximas datas, vanse decretar unha decena de procesos máis.

Nesta liña, José González reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2009 o Goberno galego destinou un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia. Unha cifra que para o ano 2023 ascende a 17 millóns de euros dentro dos orzamentos da Consellería.

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, impulsaranse tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Precisamente, destacou José González, no primeiro ano de vixencia desta norma estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia. Deste total de hectáreas, 8.788 ha corresponden a polígonos agroforestais e 574 ha a aldeas modelo. Entre ambos instrumentos de recuperación, incidiu, estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas. 

Base de unidade operativa

Aproveitando a súa visita ao concello de Mondoñedo, José González anunciou a construción dunha nova base de unidade operativa (BUO) neste municipio, que servirá como punto de encontro das brigadas forestais e doutros traballadores do servizo como condutores de motobombas, axentes, etc. Esta nova base sumarase ás de Rianxo e Muíños, que tamén se construirán no ano 2023, e para as cales hai un orzamento conxunto de 2,1 millón de euros.

Construídas en madeira, as instalacións albergarán unha zona de descanso para o operativo, vestiario, aseos, despachos e almacéns. Tamén se incorporará nos exteriores unha zona de garaxe para vehículos e motobombas. Desta forma, mellorarase o lugar de traballo dos profesionais do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

Puxo en valor que entre o ano 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios.

BNG.

O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, alégrase que os veciños e veciñas das parroquias afectadas podan recoller os seus títulos de propiedade xa que este retraso de máis de trinta anos estaba causando dificultades nos procedementos de transmisión de terreos ou tramitación de herdanzas ante un notario pero pregúntase por que só se van realizar cinco actuacións a cargo do PIR sabendo que hai máis propietarios de parcelas afectados con iguais necesidades que as actuacións propostas. “A consellería do Medio Rural e o goberno municipal deben explicar o criterio polo cal se escolleron estas fincas para os traballos de acondicionamento e por que afectan só ás parroquias de Couboeira e Masma deixando á parroquia de Vilamor sen ningunha obra de mellora das aínda pendentes”.

Eloi Cabanas apunta que desde o BNG levan varios anos desde o concello e o Parlamento Galego instando á Xunta de Galicia a que remate nas debidas condicións esta concentración parcelaria e acusa á Xunta de “desleixo” por alongar este proceso máis de trinta anos e ao goberno municipal de “parsimonia” por permitir que haxa casos en que este proceso se cerre en precario.

O conselleiro do Medio Rural ademais de presidir a entrega de títulos de propiedade debería comprometerse firmemente en rematar todos os traballos pendentes para tratar a todos os propietarios de primeira”, así que anuncia que desde o BNG seguirán traballando ata que todas as deficiencias pendentes se solucionen.