Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAOurol

Ourol: Ruta indiana

Por 11 Decembro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Con esta ruta pódese coñecer unha parte imprescindible da historia da Mariña, unha mostra do legado indiano.

Este roteiro ofrece un percorrido polo patrimonio indiano máis destacado do municipio de Ourol. Unha proposta con dezasete puntos de visita e que permite coñecer, a través da arquitectura, unha parte imprescindible da historia da Mariña: a emigración a América e o relevante legado cultural que os emigrados deixaron neste territorio.

Algunhas das edificacións que se poden visitar nesta Ruta indiana son as Antigas Escolas Vicente Casavella, que foron construídas gracias a que cando o veciño Casavella morreu deixou estipulado no seu testamento que se legase á parroquia de Ourol a cantidade de 25.000 pesetas para a construción dunha escola de ambos os sexos na propia parroquia. O Concello, cumprindo a última vontade deste veciño, comeza a construción dun edificio no que se situarán a escola, unha capela e os locais da Casa Consistorial. A Casa García, que é unha vivenda promovida por Vicente García Rodríguez emigrante en Uruguai e en Arxentina.

A Casa de Pita, que data de 1928, é unha vivenda promovida por Francisco Carballido en 1928 formada por dúas plantas e un baixocuberta, con cocheira lateral rematada nunha terraza balaustrada. A interesante fachada, está rematada por unha bufarda teitada con cuberta a dúas augas. O xardín está salpicado de varias especies arbóreas propias da zona.

O Cemiterio Indiano de Xerdiz foi construído en 1908 grazas ás doazóns de 64 veciños residentes en Cuba e 110 da propia parroquia. É un dos cemiterios indianos máis representativos da Mariña grazas á riqueza do patrimonio que garda, con esculturas realizadas -entre outros canteiros- polas famosas mans de Francisco Veiga.

A Casa de Rego foi levantada nos anos 20 por Antonio Ladra, emigrante en Cuba. Destaca sobre todo a bufarda con coroación en traza circular, os linteles dos recercados, e as carpinterías centrais en curva.

A Casa das Veigas é unha casa labrega reconvertida en indiana nos anos 30 por Francisco Cao, emigrante en Cuba. A vivenda consta de tres plantas na que destacan dúas galerías nos laterais. Posúe interesantes elementos decorativos que revelan a intención do promotor de amosar o seu éxito.

A Casa de Puentes, do ano 1922, pertence a Manuel Puentes Rouco quen emigrou a Cuba nas adegas dun barco para voltar a Galicia en primeira clase. É unha construción de estilo autóctono de planta cadrada con dous pisos e faiado e no costado álzase unha pequena construción dunha planta que remata en terraza. A fachada destaca pola escasa ornamentación.

A Casa de Jaime Mariño, feita nos anos 20 por José Vizoso, é unha construción rectangular de dúas plantas e un baixocuberta con bufarda sobre a cornixa principal. Non difire dos modelos residenciais autóctonos.

A Casa de Novo foi promovida por Manuel López, quen a construíu en 1926 ao seu regreso de Cuba. É de planta rectangular con dúas alturas e a súa fachada conta con dous miradoiros de agradable deseño que flanquean un balcón situado no centro. Próximo á porta de entrada hai un banco adornado con motivos florais onde se aprecia o modernismo de principios de século.