Skip to main content
A Pontenova

A Pontenova contará cun punto limpo móbil

Por 1 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello da Pontenova contará cun punto limpo móbil gracias a unha axuda de 44.180 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O alcalde da Pontenova, Darío Campos, comprobou a nova dotación, un camión equipado cun gancho multibasculante hidráulico e unha caixa que incorpora un módulo portacontedores para o depósito de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas, baterías e outros refugallos. 

Así mesmo, o Goberno galego concedeu 25.400 euros ao abeiro da orde de 2022 para crear ou mellorar puntos limpos fixos, neste caso co fin de acondicionar a instalación que comparte A Pontenova cos municipios de Riotorto, Ribeira de Piquín, A Pastoriza, Meira e Pol.

O obxectivo destas máquinas é contribuír a mellorar e ampliar a xestión dos residuos especiais de competencia municipal co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización, ao tempo que se evita a proliferación de puntos de vertedura incontrolada.

Máis de 500.000 euros concedidos este ano para os puntos limpos da Mariña

A través das convocatorias deste ano, o Goberno galego concedeu 527.400 euros para poñer en funcionamento na Mariña puntos limpos móbiles e fixos ou para acondicionar estes últimos.  

Así, ademais da Pontenova tamén perciben fondos para poñer en funcionamento puntos limpos móbiles Ribadeo, Foz, Viveiro e Mondoñedo – 165.600 euros en total -; mentres que outros 361.810 euros son para mellorar os puntos limpos fixos da Pontenova -compartido entre seis concellos -, ademais dos de Ribadeo, Foz e Trabada, e para crear un novo  en Mondoñedo. As achegas para puntos limpos fixos distribúense en catro anualidades, ata 2025.