Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo segue na loita contra os incendios forestais coa entrega de árbores

Por 22 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello segue na loita contra os incendios forestais. Na sede electrónica acaban de ser publicadas unhas bases destinadas á nova entrega de árbores ás persoas responsables de redes secundarias de faixas de protección de biomasa no termo municipal de Ribadeo. En total destínanse 9.000 euros a este fin. A veciñanza interesada pode presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 20 de xaneiro, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que “de todos é sabido o esforzo que levamos feito no Concello de Ribadeo nestes últimos anos para lograr que arredor dos núcleos de vivendas ou das casas illadas haxa unha superficie libre destas especies pirófitas, de alta combustibilidade, como poden ser os eucaliptos, os piñeiros, as acacias, etcétera, simplemente polo cumprimento da lei. Pero parece que fomos os únicos do mundo, cando a lei está para que se cumpra en todos os sitios, en todos os concellos e en todos os lugares, para evitar dramas como temos visto no resto do país non hai tanto tempo ou mesmo en Portugal non hai tantos anos. Entón é necesario que isto se siga facendo así cada ano porque así o obriga e o marca a lei”.

Suárez Barcia subliñou que “con todo desde o Concello, tamén estes últimos anos, queremos ofrecerlles a posibilidade a todas aquelas persoas propietarias de terreos que teñen que facer estas melloras que poidan plantar, para o que queremos regalarlles este tipo de especies que a lei si permite, como castiñeiros, carballos, acivros, etcétera, para que se poidan ir plantando nestas superficies arredor das casas porque ese tipo de vexetación non favorece a propagación de incendios forestais senón precisamente todo o contrario. E ao mesmo tempo se se plantan estas especies evítase que medren os toxos, a broza, etcétera, e que cada ano haxa que estar desbrozando e traballando; faise o labor moito mellor”.

O alcalde explicou que “no día de hoxe acabamos de publicar na sede electrónica do Concello de Ribadeo unhas bases destinadas á entrega de árbores ás persoas responsables destas redes secundarias de faixas de protección de biomasa. O importe total desta axuda ascende a 9.000 euros, que imos repartir en forma de árbores entre os distintos beneficiarios, de acordo cuns criterios que están establecidos nestas bases que acabamos de publicar”.

Fernando Suárez engadiu: “polo tanto o prazo para formular estas solicitudes será ata o 20 de xaneiro do ano que vén pois temos a intención de entregar as árbores no mes de febreiro porque, unha vez que se encarguen aos viveiros, é un bo momento para facer esta plantación. Así que cada veciño ou veciña interesado debe facer unha solicitude ao Concello, onde xa temos un formulario establecido para este efecto, e unha vez que teñamos todas as solicitudes recibidas calcularase o importe que lle corresponderá a cada solicitante para que posteriormente cada veciño indique a clase e o número de árbores que quere recibir, para que desde o Concello llos encarguemos a un viveiro e posteriormente entregarllos aos beneficiarios”.