Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O BNG continúa coa campaña para esixir a restitución da atención médica en Riotorto

Por 29 Decembro, 2022Sin comentarios

O BNG de Riotorto continuou coa recollida de sinaturas en defensa da sanidade pública e da restitución da atención médica no centro de saúde, que desde o pasado 12 de decembro non conta cun servizo continuado ao non cubrir o Sergas a ausencia de ningún dos dous facultativos titulares.

A forza nacionalista responsabiliza “a Xerencia da Área Sanitaria da falta de atención a 1.200 veciñas e veciños que levan tres semanas sen contar cunha asistencia sanitaria normalizada, con demoras nas consultas e na xestión de receitas, que se acumulan para as horas soltas nas que hai algunha médica ou médico no centro, e co 061 como alternativa para unha urxencia”. En suma, explican, “unha situación insostible, que xoga coa saúde das persoas”

O BNG continuará coa campaña durante os vindeiros días, con recollida de sinaturas e puntos informativos nas distintas parroquias do concello. “As veciñas e veciños están demostrando que non se resignan a este deterioro da sanidade pública que o Partido Popular quere para Riotorto”

O grupo nacionalista pregunta “onde están o alcalde e o goberno municipal que, ante a maior agresión aos servizos sanitarios do concello nestes últimos anos, se esconden detrás do BNG e da veciñanza, en lugar de esixir solucións aos responsables da xestión sanitaria do seu propio partido. Recuperar os servizos sanitarios debería ser agora mesmo a única ocupación do goberno municipal”.

Iniciativa no Parlamento Galego

O BNG levará ao Parlamento Galego a situación dos servizos sanitarios no Concello de Riotorto. A través dunha iniciativa na cámara galega, a forza nacionalista reclamará á Xunta de Galicia persoal para cubrir as dúas prazas de médico coas que conta o centro de saúde e garantir a súa continuidade.