Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Distribúen novo material de emerxencias á Protección Civil de 24 concellos

Por 5 Decembro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia distribuirá novo material de emerxencias a 24 concellos lucenses a través da convocatoria para dotar de equipamento aos municipios de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da orde deste ano, que no conxunto de Galicia supón un investimento de case 896.000 euros para beneficiar a 131 entidades locais.

En canto á repartición dos equipos en Lugo -39 unidades en total -, cédense nove tendas de campaña para emerxencias aos municipios de Meira, Palas de Rei, Portomarín, Ribas de Sil, Cervantes, O Saviñao, Sober, Folgoso do Courel e O Incio; catro esparexedores de sal a Negueira de Muñiz, Riotorto, Trabada e Lourenzá; tres vehículos todoterreo a Pol, Taboada e O Valadouro; tres coitelas para retirar neve a Chantada, A Pontenova e Ribeira de Piquín; e dúas embarcacións pneumáticas a Monforte de Lemos e O Vicedo.

Así mesmo, entregaranse 18 desfibriladores externos a Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribeira de Piquín, Chantada, O Saviñao, Taboada, Folgoso do Courel, O Valadouro, Lourenzá, O Vicedo, Meira, Viveiro e Monforte de Lemos.

Arias afirmou que pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta manterá o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023.

Así, destinarase 1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman aos 24 millóns de euros investidos desde 2009 nesta materia, dos que 14 millóns corresponden ás AVPC.