Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Aprobado o primeiro Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes da Deputación

Por 27 Decembro, 2022Sin comentarios

O Goberno provincial, por iniciativa do Presidente, marca un fito no camiño cara a igualdade de xénero real e efectiva sacando adiante co consenso de todas as forzas políticas e sindicais un instrumento de modernización da administración para seguir avanzando cara un sistema de xestión máis igualitario no ámbito laboral.

A Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno ordinario celebrado este martes o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes na historia da Deputación de Lugo. O Goberno provincial, por iniciativa do Presidente, José Tomé Roca, marca así un fito no camiño cara a igualdade de xénero real e efectiva, sacando adiante co consenso de todas as forzas políticas e sindicais un instrumento de modernización da administración para seguir avanzando cara un sistema de xestión máis igualitario no ámbito laboral.

O mandatario provincial agradeceu a todas as persoas que fixeron posible a elaboración deste documento a súa implicación e traballo, como tamén o fixo durante a sesión plenaria desta mañá a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, quen explicou que se contemplan 7 eixos de actuación que abarcan todos os ámbitos, desde a selección de persoal á promoción, pasando pola política salarial, a ordenación do tempo de traballo e a conciliación.

María Loureiro puxo en valor que o Plan de Igualdade “é froito do diálogo e da cooperación”, pois os tres grupos da Corporación provincial acordaron nunha Xunta de Goberno sacar adiante o documento, elaborado no seo dun comité encargado de coordinar os traballos, formado polas deputadas de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Muller e Igualdade, por persoal das áreas de Recursos Humanos e de Igualdade, e por representantes sindicais dos traballadores e traballadoras da institución.

Loureiro subliñou que o Plan de Igualdade “xorde como expresión, unha máis, do firme compromiso deste Goberno coa loita en prol da plena igualdade e dos dereitos das mulleres”, en tanto que é un instrumento “para avanzar na xestión igualitaria no eido laboral, que é un dos eixos fundamentais da nosa realización como persoas”.

Neste sentido, a Deputada asegurou que o Plan “non é un punto de chegada, senón de partida, en tanto que vai axudar a detectar situacións, vai poñer de manifesto as posibles propias carencias e recoller elementos de mellora de cara ao futuro”. “O compromiso da Deputación coa igualdade, que hoxe marca un punto de inflexión moi importante, non vai parar nunca”, recalcou.

Entre as materias que aborda o acordo, asinado polas catro organizacións sindicais representadas na Deputación, está o proceso de selección e contratación, a clasificación profesional, a formación, a comunicación e linguaxe non sexista, as condicións de traballo, o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a baixa representación feminina e a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo.

MINUTO DE SILENCIO

A Corporación da Deputación de Lugo, a proposta do Presidente, José Tomé Roca, gardou este martes un minuto de silencio ao inicio do Pleno en recordo das persoas falecidas no terrible accidente de autobús ocorrido en Cerdedo-Cotobade o 24 de decembro. O Presidente lamentou esta traxedia e trasladou unha mensaxe de pésame, de afecto e de solidariedade ás familias, amizades e persoas achegadas ás sete vítimas e aos dous superviventes no sinistro.