Skip to main content
Antas de Ulla

A Deputación espera que o alcalde de Antas axilice os trámites para o Parque Central de Galicia

Por 9 Decembro, 2022Decembro 10th, 2022Sin comentarios

A Deputación de Lugo espera que o Alcalde de Anta de Ulla axilice os trámites para poder acometer as obras de construción do Parque Central de Galicia, o proxecto impulsado pola institución provincial para poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante.

Logo de múltiples xestións co Concello de Antas e de chegar a un acordo co Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para realizar algunha modificación no proxecto inicial do Parque Central do centro xeográfico de Galicia, o servizo e Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo, con data de rexistro de 16 de novembro, remitiu ao Concello de Antas e ao Instituto de Estudos do Territorio o proxecto modificado.

Trátase da documentación necesaria que dá cumprida resposta ao informe técnico remitido dende o Concello de Antas de Ulla, relativo ao requirimento efectuado pola entidade local, sobre o procedemento de aprobación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación do Parque Central. As modificacións propostas foron acordadas polos técnicos da Deputación e do Instituto de Estudos do Territorio, os cales xa informaron á institución provincial, vía telefónica, de que están de acordo cos devanditos cambios e que, polo tanto, xa non van emitir ningún novo informe ao respecto, deixando a responsabilidade no Concello de Antas de Ulla, que tamén foi informado polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente.

Por tal motivo, a Deputación espera que o Alcalde de Antas de Ulla convoque o antes posible un Pleno do Concello e aprobe o Plan Especial para poder construír o Parque Central, que vai ser moi positivo para o municipio ulloano. A Deputación espera a “colaboración leal” do alcalde resolvendo rápido este expediente, xa que os veciños e veciñas de Antas “non entenderían que o Concello non colaborase e puxera trabas para aprobar o citado Plan Especial, dilatando no tempo este trámite sen razón obxectiva para elo”.

De non producirse a aprobación do Plan Especial para poder construír o Parque Central do centro xeográfico de Galicia nun tempo prudencial, a Deputación encargaría aos Servizos Xurídicos iniciar as accións legais-xudiciais oportunas para poder sacar adiante este proxecto, esixindo as debidas responsabilidades. O desexo da Deputación é que non sexa necesario plantexar ningunha demanda, porque iso sería bo para Antas e para A Ulloa en xeral.

As obras están adxudicadas

A institución provincial ten adxudicadas dende o pasado mes de marzo as obras do Parque Central por un importe de 1,3M€, e o inicio dos traballos só depende agora da axilidade coa que o Concello aprobe o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións. O proxecto inclúe a colocación dun pórtico visible dende a estrada provincial que dá acceso ao Parque, a LU-P-0301, un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, unha praza, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario.

Cando comecen as obras, o prazo de execución será de 5 meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo. Con estas actuacións quedará completada a creación do Parque Central de Galicia porque, despois de adquirir as parcelas e de presentar o proxecto a toda a sociedade da provincia nun acto público, a Deputación comezou en abril do ano pasado cos traballos de acondicionamento dos terreos e xa están terminadas as obras de creación dunha zona de estacionamento e de mellora viaria do acceso a este espazo.

O Parque Central de Galicia suporá un revulsivo moi importante para a promoción do concello de Antas de Ulla, da comarca da Ulloa e do conxunto da provincia de Lugo dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural.