Skip to main content
A FonsagradaAxenda Caducada

A VII Foliada da Fonsagrada celébrase esta fin de semana

Por 8 Decembro, 2022Decembro 9th, 2022Sin comentarios

A Fonsagrada acolle a VII da Foliada da Fonsagrada organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo esta fin de semana e homenaxeará ao gaiteiro Ramón o Chocolateiro.

O evento dará comezo o día 8 ás 11.00 cun roteiro polas montañas e xa pola tarde haberá dous obradoiros ás 16.00 un de empalletado con Pepe Vaamonde e outro de baile dos Ancares con Artur Puga e Martín Mondragón. Xa pola noite ás 21.30 haberá unha butelada popular.

O día 9 dará comezo ás 11.00 coa representación do teatro infantil Martín Balteira, a bailadora primeira. Ás 13.00 haberá un vermú polavileiro a cargo de PanSenFron e xa pola tarde ás 18.00 a presentación da foliada con Clo Plas. Ás 19.00 poderase desfrutar da presentación do disco O ronsel do meu sentir e ás 21.30 darán comezo os concertos de Comando Curuxás, De Ninghures e Ailá.

O sábado terá lugar a apertura da Feira de Artesanías ás 11.00 e ás 12.00 serán os Cantos de Taberna. Xa pola tarde ás 17.00 Miguel Pardo impartirá un obradoiro de baile e para finalizas ás 21.30 darán comezo os concertos de Algaire, Banda das Crechas e colaboracións e Terrae.

Como cada ano, a Foliada da Fonsagrada homenaxea a algúns dos persoeiros máis relevantes da súa comarca. O primeiro foi Emilio do Pando, seguindo polo bailador Horacio de Xestoso, Serxio da Veiga e os cegos Modesta e Florencio. Con todo, tamén houbo homenaxes en vida, tal e como aconteceu no caso das bailadoras e das gaiteiros.

Este ano é a quenda de Ramón o Chocolateiro, un dos máis importantes gaiteiros da Fonsagrada. Na opinión de Adrián Méndez, presidente da Asociación, “a muiñeira e xota máis chulas da Fonsagrada son del”, recalca. Tal e como conta Méndez, o homenaxeado deste ano, comezou como todo gaiteiro tocando con pipas de centeo e xifros de castiñeiro, e ata elaboraba el mesmo os foles da gaita con pel de cabritos. Non se conserva ningunha desas gaitas, pero si unha do seu irmán que pode verse no Museo Etnográfico da Fonsagrada.

Para todos os integrantes da A.C. Petapouco e a Destempo é importante recordar e amosar a calidade do traballo de todos os persoeiros da Fonsagrada para valorar e coidar o patrimonio da súa comarca, motivo principal polo que se comezou a celebrar esta festa que, para o seu contento, non deixa de medrar.