Skip to main content
Lugo

Entrevista: “O noso labor dramático, ademais de lúdico, festivo ou informativo ten que ser ético”

Por 10 Decembro, 2022Sin comentarios

Achádego é un grupo de teatro afeccionado que nace en 1988 e que dende entón continúan traballando en prol da difusión da cultura e da lingua galega. Falamos cunha das súas integrantes, Tareixa Campo, sobre o historia do grupo e os seus proxectos de futuro.

Achádego Teatro nace en 1988, como xurde a idea e como foron eses comezos?

O día 10 de decembro de 1988, hai 34 anos, Achádego estrea a súa primeira montaxe para celebrar o cuadraxésimo aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A dobre historia do doutor Valmy de Buero Vallejo, unha obra que pola súa temática achegaba ó público, dun xeito descarnado, á terrible experiencia da tortura.

Eramos un grupo de toliños e toliñas que entre o San Froilán e o 10 de decembro dese ano 1988, acampamos nun Auditorio Gustavo Freire, penso que aínda con teitos de uralita ou algo parecido e cun frío que nos obrigaba a ensaiar con bufanda e luvas, e montamos esta peza contra reloxo.

Logo da realización deste proxecto o grupo de persoas que o levamos adiante, 19 máis colaboradores (Espazo Permeable fixo os decorados, e outros) decidimos formar un grupo estable de teatro afeccionado, así naceu Achádego.

O nome? Unha brincadeira cunha frase do texto que salientaba dun xeito especial Rafa, un dos actores: O sorriso é o máis fermoso achádego da humanidade, non o perdan, non o perdan nunca.

Canta xente forma parte de Achádego teatro?

Neste momento estamos actuando regularmente 12 actores/actrices, pero cinco ou seis máis están aí, na retagarda para participar nalgún dos programas si son necesarios.

Son moitos anos, cales son as claves para tantos anos en activo?

O primeiro, é que che guste o teatro, e que esteas disposta a deixar outras moitas cousas por el. O teatro, desde logo, engancha, e por outra banda, ao ser tamén nós un grupo de amigos e amigas, facilita o traballo.

Que significa para Achádego o teatro?

Os compoñentes de Achádego sempre soubemos que o noso labor dramático, ademais de lúdico, festivo, estético ou informativo tiña que ser ético. Loitar a prol da dignificación e espallamento da cultura, da nosa cultura, tradicións, lingua e da defensa dos dereitos humanos e da igualdade.

Que é o que máis desfrutan do teatro?

Igual que na vida, cada quen ten as súas preferencias dentro dos distintos oficios teatrais, a algúns gústalles a dirección, outras preferimos a interpretación, a caracterización ou a escenografía. Nun grupo amador, xeralmente ocupámonos un pouco de todo. No que si estamos todos e todas de acordo, con seguridade, é en que o primeiro é a comunicación co público, ese fluxo que vai e volve do escenario ao patio de butacas e do patio de butacas ao escenario.

En que proxectos están traballando actualmente?

Temos sempre unha montaxe polo menos, para xiras, neste momento é Nadal na casa dos Lamelo. Ademais, participamos noutros eventos e programas relacionados especialmente coa cidade de Lugo: A Familia Pelúdez no San Froilán, o Arde Lucus, Visitas Teatralizadas ao Cemiterio e ao Vello Cárcere, entre outros.

O próximo 10 de decembro organizan unha gala benéfica, que nos pode contar sobre este evento? 

Todos os anos, polo noso aniversario, facemos unha gala ou unha representación benéfica, este ano será a favor da Asociación Galega de Transplante de Medula Ósea. A entrada custará 5 euros e haberá tamén fila cero para quen queira colaborar. A asociación Asotrame naceu en 2013 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas transplantadas, daquelas que se atopan inmersas nun proceso de cancro hematolóxico, dos seus familiares e, por ende, do conxunto da sociedade.

Cal é o proxecto do que gardan mellor recordo?

Poden unha nai ou un pai dicir a que fillo quere máis? Cada un ou unha foi especial por razón distinta. En A Tempestade, de Shakespeare foi moi gratificante contar coa colaboración de outros grupos (Palimoco e Nova Escena); con Confusión de María Balteira, estivemos no Ateneo de Madrid e en varios lugares de Castela-León e Portugal, A Barca sen Mariñeiro … un gozo… por nomear algunha. De todas e cada unha delas podería dicir que foi a mellor. Desde hai 34 anos, Achádego sacou adiante máis de 100 proxectos escénicos, e colaborou con distintas asociacións da cidade e da provincia. Para nós todos foron especiais.

Como é o proceso para crear unha nova obra? Como son os ensaios?

O primeiro é a busca da peza, axeitándose ao que pretendemos nese momento, o material humano co que contamos, mesmo os medios dos que dispoñemos. Despois vén o estudo da peza, lecturas e construción dos personaxes, análise de cada escena, ensaio, ensaio, e máis ensaio; atrezzo, escenografía, vestiario, caracterizacións… e por último a estrea.

Que proxectos teñen para o futuro?

Nova montaxe e participación en calquera evento que se nos presente no próximo ano. Pero do que si estamos fachendosos, e de non renunciar aos nosos principios na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua.