Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

O Diversiarte celebra unha nova edición este decembro

Por 14 Decembro, 2022Decembro 15th, 2022Sin comentarios

Un ano máis a cidade de Lugo acolle a Feira do Diversiarte que este ano estará ubicada nunha carpa na praza Horta do Seminario durante os días 14, 15 e 16 de decembro. O horario será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 e celebrarán unha inauguración o mércores 14 ás 12.00.

Este evento é un momento único no que se busca sobre todo dar visibilidade á diversidade funcional e a todas as entidades que estan a dar servizo e que forman parte do tecido asociativo de Lugo. Nesta edición serán un total de 24 as que participantes nesta data sinalada. Adace, Aecc, Afalu, Alcer, Alucem, Alufi, Alume, Alusor, Aspalu, Art for dent, Asfega, Aspace, Aspnais, Asorlu, Auxilia, Bonhomia, Cogami, Downlugo, Fademga, Feafes, Once, Raiolas, San Vicente de Paul e Aeswh.

A Feira do Diversiarte ofrece a posibilidade de que as diferentes entidades sociais poidan informar a pé de rúa sobre a labor que realizan ao longo de todo o ano e os servizos que ofrecen. Un traballo fundamentalmente de visibilidade as diferentes asociacións, sobretodo as mais pequenas, que realizan unha labor diaria moitas veces descoñecida pola cidadania.

Aproveitando estas datas de Nadal o Diversiarte tamén ten como obxectivo o de colaborar coas asociacións e colectivos a que recaden fondos para desenvolver os seus proxectos e accións dentro do seu ámbito. Ao longo dos diferentes posto de cada asociación as persoas que se acheguen poderán mercar obxectos realizados nos obradoiros polos propios asociados e asociadas de cada colectivo; bonecos, cestos ou xabóns, entre outros. Unha oportunidada única para mercar os agasallos de Nadal e colaborar cas asociacións lucenses.

Polo tanto este evento servirá un ano maís para enxalzar e visualizar o labor diario que levan a cabo todas estas asociacións abordando problemáticas moi diversas e sendo unha oportunidade para que a cidadanía aporte. Ademais da venda de unha gran variedade de produtos realizados nas entidades o Diversiarte contará nesta 16ª edición con diferentes actividades para todas as idades.

Acompañando estas actividades a asociación Bonhomia realizará dúas instalacións de visibilización que estarán presentes durante toda a feira. A primera delas será un espello de gran tamaño situado as portas da carpa cunha frase escrita Lembra que a muller máis importante do mundo está agora diante de ti.

A segunda das instalacións será un photocall que conta coa imaxe da recoñecida ilustradora Lola Vendetta na que aparecen representadas tres mulleres espidas. Unha delas coa menstruación, outra embarazada e outra que acaba de dar a luz co lema Sexo debil os collóns. Na imaxe a protagonista aparecerá sen rostro para que as persoas que se acheguen á feira poidan poñer o seu e realizar unha fotografía. Esta imaxe ten como obxectivo desterrar esa idea e analisis que ainda persiste nalguns entornos de que as mulleres pertencen ao sexo débil.

Bonhomia é unha asociación sen ánimo de lucro que se dedica o seu traballo á sensibilización social. Son un equipo de persoas que veñen do ámbito social e de traballar noutras ONG e entidades e decidiron crear esta asociación para desenvolver proxectos de concienciación cidadá e mellorar o tecido social.

Creada en 2015 realizan proxectos de sensibilización de diferentes temáticas cunha ampla perspectiva aportada por o traballo realizado en diferentes colectivos. Dende Bonhomia viron a necesidade de traballar con todo o conxunto da sociedade realizando traballos de sensibilización en diferentes ámbitos como a discriminación da muller ou o ámbito penitenciario.

Cada ano a organización do Diversiarte recae sobre dúas asociacións diferentes coa colaboración do Concello. Para esta edición de 2022 Aspace e Asorlu son as encargadas de darlle forma a cita anual. Achegámonos un pouco máis a estas asociacións para coñecer mellor a labor que realizan a diario na cidade de Lugo.

Aspace é a Asociación de Persoas con Parálise Cerebral de Lugo. A parálise cerebral é unha pluridiscapacidade causada por unha lesión no cerebro antes de que o seu desenvolvemento e maduración sexan completos.Como consecuencia da súa situación de pluridiscapacidade, as persoas con parálise cerebral presentan tamén unha situación de dependencia.

Case o 80% das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades afíns teñen grandes necesidades de apoio, xa sexa a nivel físico, intelectual, comunicativo, ou por combinación de dous ou máis factores. Este feito conduce necesariamente á prestación de apoios humanos durante as 24 horas os 7 días da semana para o desenvolvemento das súas actividades da vida diaria.

Desde Aspace prestan unha atención globalizada que, a través de terapias axeitadas e específicas potencien o desenvolvemento das capacidades físicas, sociais, psíquicas e sensoriais das persoas con parálise cerebral co obxectivo de mellorar a súa independencia e ofrecer os coidados precisos que respondan ás necesidades físicas e de relación social das persoas con parálise cerebral e grandes necesidades de apoio, e ás súas familias.

A segunda das asociacións encargadas este ano de levar a cabo o traballo de organización é Asorlu, a Asociación de Persoas Xordas de Lugo. A misión desta asociacións é conseguir a plena inclusión das persoas xordas e xordocegas en todos os ámbitos da sociedade a través da reivindicación dos seus dereitos e a presetación de servizos que dan resposta as súas necesidades.

Dende Asolu ofrecen diferentes servizos como o de interpretación de Lingua de Signos que permite a eliminación de barreiras na comunicación entre as persoas xordas ou xordocegas e as oíntes ou o servizo de emprego para mellorar a empregabilidade, apoiar o emprendemento e xestionar a intermedación laboral. Esta asociación conta tamén cun servizo de atención con intervención social, mediación comunicativa e servizo de terapia ocupacional.

Este é so un pequeño exemplo de todo o que as asociacións lucenses fan por as persoas con diversidade funcional e que se pode coñecer en maior profundide acundindo o Diversiarte os días 14, 15 e 16 de decembro.