Skip to main content
Lugo

Entrevista: “A diversificación e a innovación axudounos moito a estar onde estamos hoxe en día”

Por 15 Decembro, 2022Decembro 16th, 2022Sin comentarios

Proyestegal é unha empresa lucense de proxectos e estudos técnicos que leva trinta anos traballando no sector. Falamos con Ramón Martínez, un dos socios fundadores, sobre estes anos de traxectoria e as claves do seu traballo.

Como foron os inicios da empresa?

A empresa comeza o 15 de decembro do ano 1992, este mes estamos de celebración do noso 30 aniversario. Eu sempre tiven a inquedanza de ter unha empresa. Comecei traballando de técnico no ámbito agrario e forestal no Concello de Foz e tomei a decisión de deixalo e marchar para Lugo dado que o ámbito xeográfico do entorno de Foz facíase pequeno para a creación dunha empresa.

Comecei a dar clase na FP agraria e co paso duns anos, Fernando López e máis eu fixémonos socios e montamos Proyestegal. Nos primeiros momentos compaxinábamos outros traballos co proxecto empresarial, esto retardou o crecemento nos comezos. Os anos noventa foron unha década boa para as empresas do noso sector que nós non desfrutamos tanto debido tamén a que os comezos sempre son lentos para unha empresa de nova formación.

Como foi a evolución da empresa tras os inicios?

A partir da década do 2000 foi cando comezamos a crecer un pouco máis rápido, nese momento eu xa era funcionario en excedencia e xa me podía dedicar integramente á empresa. Dende o ano 2000 ata o 2010 ou 2011 foi unha época boa, onde houbo actividade e conseguimos abrir varias áreas novas.

Nós empezamos no mundo agroforestal porque os dous socios tiñamos formación nese eido e despois dun tempo sentimos moita curiosidade polo mundo da cartografía e da topografía e comezamos a derivar a actividade da empresa cara ese ámbito abrindo novas áreas de traballo como a de expropiación, concentración parcelaria e ordenación do territorio, unha área de cartografía, e un pouco máis adiante unha área de proxectos.

Nesa década iniciamos tamén varios proxectos de innovación e desenvolvemento de software para a ordenación do rural, para realizar concentracións parcelarias.

A partir do 2012 ata o 2017 tivemos unha etapa un pouco máis difícil pero a partir do ano 2017 volveu a rexurdir todo e agora mesmo estamos nun momento máis estable cun volume de negocio constante.

Actualmente que área é a que máis volume de traballo aporta a Proyestegal?

Principalmente a área de proxectos. Nós facemos proxectos maioritariamente de ámbito civil, contamos na empresa con varios enxeñeiros de camiños e obras pública e algún topógrafo. Realizamos estes proxectos xeralmente no ámbito municipal, tamén no ámbito provincial das deputacións e no ámbito autonómico da Xunta de Galicia. Temos algún proxecto a nivel nacional pero principalmente traballamos no ámbito xeográfico da comunidade autónoma.

Realizan tamén traballos de investigación, de onde xurden?

O principal sentido destas actividades de innovación é que o noso proceso produtivo interno mellora en rendemento e por tanto en rendibilidade para a empresa. Para levar a cabo estes traballos tamén recibimos axudas en convocatorias autonómicas, nacionais e incluso europeas, axudas parciais de diferentes administracións.

E por outra banda eu estou vinculado á universidade, na escola de Camiños da Universidade da Coruña dentro da área de cartografía e iso tamén axuda. Por un lado a relacionarte con outros investigadores e profesores que se dedican tamén á innovación e por outra banda axúdanos en canto a selección de persoal, porque coñeces aos alumnos e ves quen se pode adaptar ás necesidades da nosa empresa.

Polo tanto a innovación nace por un vínculo coa universidade, polas necesidades propias da empresa e tamén porque nos concederon axudas dende as diferentes administracións para abordar estes proxectos.

Cal é o traballo de innovación que máis utilizan?

O que máis partido interno ten para nós é o desenvolvemento do software de ordenación do territorio, neste caso do territorio rural, para facer concentracións parcelarias. A día de hoxe témolo instalado na administración autonómica de Asturias e tamén na comunidade autónoma de Castilla e León.

En canto a innovación que proxectos teñen de cara ao futuro?

Dende o 2004 levamos traballando no seguimento das axudas aos agricultores da Política Agraria Común, nós somos a entidade na provincia de Lugo, e agora tamén en Ourense, que realiza o seguimento dos expedientes desas solicitudes así como da concesión das axudas.

Dende fai tres anos participamos nun proxecto importante de innovación onde estes seguimentos se realizan a través de drons en lugar de acudir de forma física ao terreo coa colaboración da Axencia Galega de Innovación e a AMTEGA. Agora tamén estamos traballando, que non é tanto unha investigación se non máis ben unha innovación aplicada, en implantar toda a redacción de proxectos baixo a metodoloxía BIM. Este sistema xa está no mercado e implantalo sería unha das nosas prioridades máis importantes para non perder competencias.

Cales serían as diferenzas entre o formato BIM e a súa forma actual de traballar?

Á hora de realizar os proxectos o proceso de redacción e máis custoso, polo tanto o ente que o solicite ten que ser consciente deste incremento, pero á hora de executar, dependendo do tipo de proxecto, está demostrado que se pode aforrar entre un 15 e un 25 por cento do orzamento. Esta metodoloxía de traballo axuda a non ter ningunha dúbida a hora da execución e que sexa máis rápida e precisa. Unha vez finalizado o proxecto queda un historial preparado para o futuro que, de cara ao mantemento, resultará máis doado e económico.

Dos clientes de ámbito privado, que servizos son os máis solicitados?

Principalmente do ámbito da topografía, das valoracións ou informes periciais e tamén algúns proxectos, pero principalmente topografía.

Que define a empresa?

Nós temos un slogan que intentamos, na medida do posible cumprilo, que é Dicir o que facemos e facer o que dicimos. Eu creo que iso é unha das cousas que hoxe nos fixo estar aí despois de trinta anos, ter unha credibilidade e un compromiso cos traballos que temos en cada momento en carteira. Traballamos sempre coas mellores ganas e coa máxima profesionalidade que sabemos. A diversificación e a capacidade de innovación creo que tamén nos axudou moito a estar onde estamos hoxe en día. Quería facer unha especial mención a Fernando López López, o meu anterior socio, porque sempre nos entendemos moi ben e iso é unha sorte e tamén unha forma de que a empresa vaia ben.

Van celebrar este 30 aniversario?

Si, hoxe 15 de decembro celebraremos un acto no salón Imperial do Hotel Torre de Núñez ás 18.00 no que contaremos coa participación especial do actor Carlos Blanco. Será un acto conmemorativo con imaxes e recoñecementos a persoas que foron e son importantes na vida de Proyestegal.