Skip to main content
Lugo

Un sestercio da caetra posible nova incorporación ao Museo Provincial de Lugo

Por 2 Decembro, 2022Sin comentarios

Dende a  Vicepresidencia da Deputación xestionan a incorporación ao Museo Provincial de Lugo do sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda declarada Ben de Interese Cultural o pasado mes de setembro e case única xa que só se coñecen tres exemplares da súas características no mundo.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro explicou que “recibimos unha proposta do coleccionista que é propietario da moeda, mostrando o seu interese en que pase a formar parte da colección do Museo Provincial de Lugo. Tendo en conta o seu valor cultural e a súa importancia para o estudo das relacións entre castrexos e romanos durante a romanización, optamos por atender a oferta e iniciar os trámites necesarios para facer efectiva a compra”

A responsable de Cultura sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización” e destacou que “a persoa propietaria mostrou especial interese na  incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática”.

A moeda ofrecida ao Museo Provincial de Lugo é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra no reverso. A peza non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e seguen a ser obxecto de investigación. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles que acompañaban o exercito ou a cecas como a de Lucus (Lugo), Emerita (Mérida) ou Colonia Patricia (Córdoba).

De completarse a adquisición, sería a única moeda destas características exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio ofrécese como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas, cos que se complementaría a exposición de moedas e medallas do Museo Provincial de Lugo. Trátase de de dous trientes suevos a nome de Valentiniano, un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tui, do que se coñecen doce exemplares, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras, do que se coñecen tres exemplares, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria, cinco exemplares coñecidos e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras, unicamente dous exemplares coñecidos.

O propietario condiciona a venda a que as moedas sexan expostas no Museo Provincial de Lugo, na exposicíon permanente, e que o lote se adquira como conxunto único, non podendo individualizarse.