Skip to main content
Lugo

Lugo contará con novos colectores de lixo

Por 9 Decembro, 2022Sin comentarios

Inician os labores de montaxe dos novos colectores de lixo, que xa comezaron a chegar e que nos vindeiros días empezarán a instalarse por todo o municipio segundo anunciou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e responsables de EcoLugo

“Renovaremos a totalidade dos colectores, que serán máis resistentes e máis adaptados á cidadanía, e ampliaremos o seu número ata chegar a superar os 4.200 na cidade e na zona urbana, tal e como está estipulado no novo contrato”, lembrou a rexedora.

Nun primeiro momento, instalaranse os colectores de recollida selectiva de fracción resto, de envases lixeiros, de papel e cartón e de vidro, e proximamente os de orgánica. Disporanse en illas que manterán a súa homoxeneidade, para coidar a estética das rúas, integrando colectores de capacidades variables, como os de 2.900 litros empregados para a fracción resto, os envases lixeiros e o papel cartón, e os 1.800 litros do colector da fracción orgánica.

Lara Méndez sostivo que o Concello optou por colectores de menor altura para facilitar o depósito de lixo a todas as persoas pero tamén para reducir o impacto visual e non restarlle visibilidade aos escaparates, terrazas, paisaxes ou á hora de cruzar as rúas.

Outra das súas características é que os usuarios non terán que tocar ningún elemento do colector á hora de posar os residuos xa que levan boca – e non como pasa agora cos do pedal ou cos que se abren a man, que desaparecen- co fin de que facilitar unha operación máis hixiénica e accesible.

Así mesmo, todos os colectores, que serán de carga lateral, irán suxeitos nun centrador, que fará de soporte para evitar que se movan co vento ou o movan as persoas, ao mesmo tempo que permite reducir as distancia entre eles contribuíndo a aforrar espazo de aparcamento.

Os colectores terán todos unha maior robustez e pezas plásticas ou de aceiro galvanizado para evitar a corrosión.

Lara Méndez lembrou que o fin, ademais de facilitarlle o depósito dos residuos á cidadanía e manter a estética das rúas, é incrementar a capacidade de recollida selectiva para que creza a capacidade de reciclaxe. O obxectivo é aumentar a recollida nun 100 % na fracción orgánica, un 78% os envases, un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón.

Os colectores, ademais, estarán equipados cos sensores intelixentes que medirán o volume e enchido dos mesmos co fin mellorar a súa recollida e reducir o tráfico de camións, o que permitirá reducir o gasto enerxético e a contaminación, claves no modelo de cidade no que está a traballar o concello. Tamén están deseñados para incorporar o peche e apertura mediante tarxeta, para cando o Concello inicie as probas piloto no caso dos colectores de orgánica,

A alcaldesa sostivo que o novo contrato, cando se desenvolva na súa totalidade, “suporá un  cambio cuantitativo e cualitativo na calidade de vida dos veciños: menos ruídos, menos cheiros, máis limpeza e menos incidencias na acumulación dos desperdicios”, comentou, e pediu a colaboración cidadá para que se usen correctamente os colectores e non se acumulen bolsa no exterior.

Así mesmo, a empresa EcoLugo incorpora proximamente colectores de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria.