Skip to main content
Lugo

O PP presenta alegacións ao expediente da Fábrica da Luz

Por 9 Decembro, 2022Sin comentarios

O Partido Popular presentou alegacións ao expediente da Fábrica da Luz, Antonio Ameijide explica que “se presentaron estas alegacións ao expediente para que sexan os responsables políticos os que paguen do seu peto” xa que “no estudo deste expediente de 8.000 folios quedounos clara a vinculación e coñecemento da alcaldesa de solicitar a prórroga polo que a rexedora debe explicar a todos os lucenses por que non se solicitou en prazo a prórroga, por que se desatenderon os requirimentos e por que non se solicitaron os informes xurídicos pertinentes”.

O vicevoceiro popular tamén sinala que “neste expediente hai outra cuestión capital que se debe aclarar, a participación de Daniel Piñeiro no expediente e a súa vinculación con Adega. Unha cuestión que non é menor xa que cómpre saber se a vinculación do ex concelleiro con Adega, organización ecoloxista á que pertencía o concelleiro que boicoteou o proxecto, puido influenciar dalgún modo para acabar provocando esa indemnización de 2.4M€”.

Para Antonio Ameijide tamén é importante que “presten declaración numerosos técnicos e funcionarios  municipais sobre os informes emitidos, decisións adoptadas e sobre as ordes políticas recibidas durante todos estes anos por parte dos políticos socialistas. Entre estas declaracións que se deberían tomar estarían, por exemplo, a do ex xefe do servizo de contratación, o actual asesor xurídico ou a ex xefa do servizo de Medio Ambiente e ex responsable do contrato”. “Deben de aclarar que ordes recibían e por que non se informaba xuridicamente a solicitude destas prórrogas e o riscos indemnizadores que supoñían a decisión do goberno socialista de non solicitala en prazo”, sinala.

Tamén é necesario aclarar a “trazabilidade dos documentos que chegaban á alcaldesa para que non poida alegar descoñecemento e tamén é necesaria a declaración da ex concelleira Ana Prieto que foi quen recibiu no seu momento a solicitude de rescisión do contrato e que nin respondeu a esta petición e, todo parece indicar, que nin tentou negociar para minorar a posible indemnización millonaria á que se expoñían”.

Polo exposto no expediente da Fábrica da Luz, no PP insisten en que “Lara Méndez non pode seguir sendo quen inicie, impulse e resolva este procedemento, polo que debe absterse xa que debería ser unha das principais investigadas”. Do mesmo xeito “tampouco pode seguir participando nin informando deste procedemento o actual asesor xurídico do Concello de Lugo porque é unha das persoas que debe prestar declaración como interesado e esclarecer os informes xurídicos e as decisións adoptadas”.

Antonio Ameijide é claro e afirma que desde o PP o que se pide é “transparencia e traballo” nas semanas que quedan para resolver este procedemento porque “aínda faltan moitas declaracións que escoitar e moitos informes que reler para que sexan os responsables políticos os que paguen do seu peto a indemnización millonaria á que condenaron a todos os lucenses”.