Skip to main content
Lugo

A Rolda Leste en fase de supervisión pola Xunta

Por 11 Decembro, 2022Sin comentarios

O proxecto de trazado de prolongación da Rolda Leste de Lugo desde a súa finalización actual na LU-530 ata a N-VI xa está a disposición da Xunta de Galicia e inicia agora a fase de supervisión técnica. A Rolda Leste é unha infraestrutura xa parcialmente executada, que discorre integramente no termo municipal de Lugo, configurando un anel de circunvalación da cidade conxuntamente coa N-640 e a N-VI, ambas as dúas vías estatais.

O treito xa en servizo ten unha lonxitude de 2,41 km, con sección de autovía, e discorre entre a N-640 e a LU-530. Co proxecto de trazado agora elaborado preténdese darlle continuidade ata a N-VI. O documento prevé un investimento de 19,6 M€, incluídos os 18,9 M€ de obras e os 492.000€ estimados para as expropiacións, ademais da reposición de servizos afectados, e o seguimento arqueolóxico e ambiental.

Trátase de construír unha vía de 2,8 km desde a finalización da LU-530 ata o enlace coa N-VI que, agás os primeiros metros e o punto final de chegada á avenida de Madrid, terá unha pendente descendente, cun máximo do 5%.

O punto de inicio da nova vía, é o punto quilométrico 2,4 da actual Rolda Leste, na glorieta coa LU-530. Manterá unha sección moi similar ao treito xa en servizo, con dous carrís por sentido de 3,5 metros cada un, beiravía interior de 1 metro e exterior de 2,5 metros, ademais de mediana de 2 metros.

No trazado proxectado inclúese un paso inferior para salvar o cruzamento coa liña do ferrocarril Madrid-A Coruña. Doutra banda, a permeabilidade transversal -a conexión coas marxes da vía- quedará garantida con camiños de servizo lonxitudinais e cinco estruturas transversais, dous pasos superiores e tres pasos inferiores.

Finalmente, prevese un viaduto dobre de 120 metros de lonxitude sobre o cauce e o parque do río Fervedoira, que cruza, ademais, sobre a estrada LU-2925. Este viaduto evita tanto a disposición de pilas sobre o cauce como de estribos na zona de servidume do dominio público hidráulico.

Os responsables da redacción do proxecto de trazado entregaron o documento técnico elaborado, que está a ser agora analizado polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Unha vez que o proxecto acade a aprobación provisional, será sometido a
información pública a efectos expropiatorios e de acordo co previsto pola Lei de estradas.