Iván Sangiao, do Club Biosbardo proclámase campión absoluto da Castro Caldelas Vegan Trail celebrada esta fin de semana na localidade ourensá de Castro Caldelas.
A proba raíña percorre a Ribeira Sacra ourensá nun total de 42 quilómetros por terreo moi técnico e salvando un desnivel acumulado superior a 6 mil metros. Unha das particularidades, que dan nome á proba é a ausencia de produtos de orixe animal.
A competición deu comezo ás 8 da mañá dende o centro de Castro Caldelas, aínda de noite, os participantes precisaron utilizar luz frontal nos comezos da carreira. Dende os primeiros momentos Sangiao marcou o ritmo da proba, pero antes do quilómetro dous perdeuse no percorrido ó saltarse un cruce. Tras remontar a case todo o pelotón o deportista biosbardo xa se incorporou ó grupo de cabeza no quilómetro 17 xunto a David Álvarez (2o) e Roberto Tuñas (3o), Emilio Montilla e Sebastián Reboreda; mantendo un ritmo cómodo no grupo. No quilómetro 25 Iván decidiu marchar en solitario avantaxando en máis de 5 minutos ó segundo clasificado en liña de meta.
Dende o C.D.Biosbardo amosan a súa satisfacción de recuperar a dous dos seus deportistas, pois tanto Iván Sangiao como Juan Miguel están a recuperarse progresivamente de distintas patoloxías que levan sufrindo os últimos meses.
Rematada a tempada os deportistas do C.D, Biosbardo desfrutarán das últimas probas do ano, xa a nivel popular como a Lugo Monumental que terá lugar o vindeiro 18.