Skip to main content
A FonsagradaBecerreáLugoMonterroso

A Fonsagrada, Becerreá, Monterroso e Lugo sumáronse ás manifestacións contra o espolio eólico

Por 12 Decembro, 2022Sin comentarios

Este domingo, 11 de decembro, o pobo galego volveuse mobilizar a prol das montañas e do rural galego e en contra da actual invasión eólica que ameaza o noso territorio. Máis de 3000 persoas, segundo datos recollidos polos organizadores, participaron nas 19 mobilizacións convocadas en diferentes localidades galegas pola coordinadora Eólica Así Non, con motivo do Día mundial das Montañas e co gallo de reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fundamentais para a vida fronte ao actual espolio eólico, baixo o lema Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa. Lugo, Monterroso, A Fonsagrada e Becerreá foron catro localicades que se sumaron a estas concentracións.

Como xa acontecera hai un ano, no Día das Montañas de 2021, a resposta da sociedade galega volveu ser contundente contra a invasión eólica. A multitude congredada desta volta en 19 localidades volveu alertar da situación na que ficarían as montañas galegas, principais vítimas da invasión eólica, de saíren adiante os máis de 300 proxectos eólicos que actualmente se atopan en tramitación en terra e mar, e que se sumarían aos preto de 190 parques eólicos autorizados ou en funcionamento. “Estaríase poñendo en risco o equilibrio ecolóxico do noso territorio, así como o fornecemento dos servizos ecosistémicos e comúns que proceden dos ecosistemas montañosos. As montañas galegas abastecen a nosa sociedade do 80% dos seus recursos hídricos, acollen os hábitats e as especies de maior valor para a preservación da biodiversidade e para enfrontar o cambio climático, controlan a erosión do solo, regulan o clima, gardan do noso patrimonio cultural e outorgan paisaxe e alimento, entre outros servizos básicos para a vida. As montañas tamén son o lugar de vida de moitos galegos e galegas onde desempeñan a súa actividade, incompatible na maioría dos casos coa implantación de megaproxectos eólicos, codenando a estas poboacións rurais a un novo éxodo cara ás vilas e cidades”, explican.

Por un novo modelo enerxético, por e para o pobo

As mobilizacións convocadas pola Coordinadora Eólica Así Non insistiron en reclamar á Xunta e ao Estado un modelo enerxético alternativo e diametralmente oposto “ao que se está a impoñer por parte do oligopolio eléctrico, en connivencia coas administracións públicas”. Advirten de que o modelo que están a promover, acelerar e impoñer os gobernos de Rueda e Sánchez “segue perpetuando o papel de Galiza como territorio de sacrificio no Estado e en Europa, en favor das grandes metrópoles hiperdemandantes de enerxía ou doutros países da UE, á custa de espoliar os nosos recursos e destruír o noso medio natural continental e mariño para sempre. Un modelo colonizador que non responde ás necesidades do interese xeral, senón do interese lucrativo e especulador das grandes multinacionais da enerxía, e que invade o noso espazo vital, co único obxectivo de espoliarnos e mandar para fóra a enerxía eléctrica. Centos de proxectos que devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas e degradan as comunidades que vivimos no rural, deteriorando ademais o medio natural, a paisaxe e o patrimonio”.

Neste senso, as máis de 200 entidades que fan parte da coordinadora, entre colectivos e plataformas veciñais, de afectados/as, ecoloxistas, culturais, sociais ou políticas, rexeitan o desenvolvemento masivo, sobredimensionado e sen planificar das instalacións eólicas a grande escala e outras macro-eléctricas, en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, ocasiona múltiples impactos irreversíbeis. Ao tempo, lembraron os principios fundamentais sobre os que se debera asentar un modelo enerxético alternativo: protección da Natureza, preservación dos caladoiros de pesca e corredores ecolóxicos mariños, coidado do patrimonio cultural, compatibilidade coa soberanía alimentaria, priorización do aforro e a eficiencia enerxética, defensa da soberanía sobre os nosos recursos, planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país, fomento da participación pública e preservación da saúde pública.

En toda Galicia

Nesta xornada de defensa das montañas, a Coordinadora Eólica Así Non convocou á sociedade galega en 19 enclaves xeográficos repartidos nas catro provincias galegas: A Baña, A Fonsagrada, Cecebre, Foz, Meira, Monterroso, Coristanco, Mondoñedo, Moeche, Lugo, Becerreá, Vila de Cruces, Moaña, Pontevedra, Forcarei, Xinzo de Limia, Vimianzo, Cee e Xermade. Alén das concentracións, Lugo, A Baña, Moeche e Focarei realizaron unha marcha reivindicativa polas rúas dos respectivos concellos. En Lugo, o percorrido comezou en San Xoán do Alto acabando diante do edificio multiusos da Xunta na capital da Muralla. Na Baña, a manifestación cortou a estrada AC444 e varias rúas da localidade. En Moeche a manifestación deu inicio no Castelo de Moeche en dirección ao Campo da Feira; e en Forcarei fíxose un percorrido circular desde a Praza da Igrexa. Noutros enclaves, como en Foz, Monterroso, Mondoñedo, Vimianzo, Cee e Xermade completaron a xornada con andainas ou roteiros a pé polas zonas máis afectadas polos macroproxectos eólicos ou subidas aos cumios.

En todas as concentracións se deu lectura ao manifesto Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa e proclamáronse numerosas consignas como “Montañas sagradas, aldeas habitadas”, “O Capital bótanos do rural”, “Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización”, “Que nos escoiten, queremos vivo o monte” ou “Non ao espolio do noso Patrimonio”.