Skip to main content
Lugo

O Campus Terra avanza no cumprimento dos obxectivos trala oficialización como campus de especialización

Por 12 Decembro, 2022Sin comentarios

O Campus Terra da USC avanza no cumprimento dos obxectivos fixados pola Xunta de Galicia o pasado mes de xullo trala oficialización da súa acreditación como campus de especialización, tal e como se puxo de manifesto na reunión constitutiva da súa comisión reitora, celebrada este luns no lugués Pazo de Montenegro.

A xuntanza da principal estrutura de gobernanza do Campus Terra, un órgano presidido polo reitor Antonio López, serviu para poñer de manifesto e avaliar algúns dos avances xa experimentados ao longo do último semestre, un período durante o que xa se constatou un incremento do 6% do alumando matriculado en titulacións estreitamente ligadas cos ámbitos agroalimentario, gandeiro e forestal, que se corresponden coa área de especialización do Campus Terra, ademais dunha forte aposta pola potenciación da I+D na sede universitaria luguesa a través da convocatoria dun amplo abano de bolsas e contratos que permitiron a incorporación de 26 mozos e mozas á carreira investigadora, xa en fase de iniciación (14), predoutoral (6) postdoutoral (4) ou a través do programa Ramón y Cajal (2).

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, informou asemade que as accións activadas a prol da I+D permitiron a posta en marcha de dez proxectos colaborativos entre distintos grupos de investigación da sede
universitaria luguesa, ao tempo que favoreceron a concorrencia a proxectos internacionais. A contratación dun técnico superior de innovación e xestión de I+D+I e unha técnica superior de transferencia, o financiamento de 28 axudas á mobilidade de
investigadores e a celebración de obradoiros e sesións informativas para investigadores mozos e mozas sobre procedementos e accesos a convocatorias de persoal investigador e proxectos nacionais e internacionais completan o abano de actuacións xa
desenvolvidas nos últimos meses ao abeiro do Campus Terra, que aspira a incrementar o seu cadro de doutores e de investigadores postdoutorais nun nun período de catro anos  nun 100% e nun 80%, respectivamente.

O fortalecemento da estrutura de gobernanza do Campus Terra da USC coa creación dunha Comisión Económica-Social que sirva para coñecer as demandas do sector produtivo e da sociedade, a través da descentralización, o impulso de plataformas
tecnolóxicas, o reforzo da docencia especializada, a mellora de indicadores e estruturas de investigación, o apoio institucional, a crecente interacción cos axentes do tecido produtivo e a progresiva proxección do Campus Terra a través das canles de
comunicación centran outras das fortalezas recollidas no informe presentado por López Mosquera á Comisión Reitora.

O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; así como os vicerreitores de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; os seus homólogo de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e de Titulacións e Internaiconal, María José López, e o xerente da USC, Xavier Ferreira, tamén participaron nesta xuntanza do órgano de gobernanza do Campus Terra, á que tamén asistiron os responsables políticos locais Miguel Fernández e Pablo Rivera, en representación do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, respectivamente.

A presentación desta primeira memoria das actividades do Campus Terra, na que se constata un grao de execución orzamentaria e de compromisos do 100%, serviu tamén para ratificar que os obxectivos prioritarios do campus de especialización da USC
localizado na capital luguesa pasan por atraer máis estudantado, captar talento mozo para favorecer a carreira investigadora e garantir o relevo xeracional, avanzar na excelencia de I+D coa creación dun centro de referencia que contribúa a reforzar tanto a proxección internacional da sede universitaria luguesa como o seu impacto económico e social na súa contorna.