Skip to main content
Lugo

Inician os labores de renovación dos colectores de Lugo

Por 13 Decembro, 2022Sin comentarios

Os labores de renovación dos colectores comezaron hoxe na ruta da Milagrosa, unha das catro nas que o servizo de recollida de lixo, EcoLugo, distribúe a cidade e que inclúe os barrios da Milagrosa, Abella, Piringalla, zona alta da Residencia e no centro do Castiñeiro.

A Alcaldesa lucense, Lara Méndez, supervisou a instalación dos primeiros no barrio da Milagrosa, tal e como xa lle avanzara aos veciños na última reunión mantida con eles. “A substitución irá a un ritmo medio de 25 a 30 colectores diarios ata que a ruta quede completa, que se espera sexa este mesmo Nadal”, sostivo.

Despois, o cambio proseguirá polo resto de rutas, chegando a todos os barrios e ao rural, onde se colocarán un total de 4.200 novos recipientes.

Estanse a situar os colectores de recollida selectiva de fracción resto, de envases lixeiros e de papel e cartón, e máis adiante irán os de vidro e recollida orgánica.

Acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e de responsables de EcoLugo, a rexedora explicoulle á veciñanza como son os novos colectores, que manterán a súa homoxeneidade para coidar a estética das rúas, integrando recipientes de capacidades variables, como os de 2.900 litros empregados para a fracción resto, os envases lixeiros e o papel cartón, e os 1.800 litros do colector da fracción orgánica.

A rexedora lembrou que son máis resistentes e máis baixos -pero non con menos capacidade- para permitir unha maior visibilidade. Así mesmo, os usuarios non terán que tocar ningún elemento do colector á hora de posar os residuos xa que levan boca co fin de que facilitar unha operación máis hixiénica e accesible.

A totalidade dos colectores que se están colocando, e que van ancorados para que non se movan, incorporan os sistemas intelixentes de control de enchido que permitirán mellorar a recollida e reducir o tráfico de camións. “O obxectivo cando comezamos xa coas probas piloto deste sistema coa estratexia Smart City e reducir o gasto enerxético e a contaminación, claves no modelo de cidade no que estamos a traballar”, comentou a rexedora.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente realizou un chamamento á cidadanía para que “acheguen a súa colaboración e respecten os colectores de recollida selectiva, porque a cidade limpa e verde a facemos entre todos, administracións e veciñanza”.