Skip to main content
LugoMeira

Adega organiza un novo roteiro este domingo

Por 14 Decembro, 2022Sin comentarios

A delegación de Lugo de ADEGA continua co programa de roteiros que leva por título Depredación da natureza ou autosuficiencia e celebra este domingo 18 de decembro un novo roteiro.

Contarán coa participación da Plataforma Alto Miño Eólica Así Non, que serán os guias neste roteiro no que se comprobará a magnitude do desenrolo de renovábeis no noso País. O punto de partida deste roteiro será no centro de Meira e xa na propia vila aparece a afectación social e patrimonial do actual desenvolvemento eólico, pois parte da vila queda dentro da poligonal do proxecto Ventisca e a outra ao proxecto eólico Monzón.

Poderase ver o trazado da liña de evacuación, con afectación, dada a súa proximidade ao Mosteiro de Santa María, catalogado como Ben de Interese Cultural e coñeceremos algo máis deste ben patrimonial. O autobús achegará aos participantes as proximidades do Alto do Pereiro, punto de inicio da ruta circular, duns 5Km de percorrido polos terreos afectados polo parque eólico Monzón, zona cunha grande actividade agrícola e gandeira.

Dende o alto poderase observar a grande cantidade de aeroxeneradores xa implantados e en funcionamento nas serras estremeiras, como as da Cruz da Cancela, Campo do Oso ou San Martiño de Corbelle. Unha vez rematada a andaina o autobús retornará aos participantes a Meira a xantar ao cuberto no Cabanón.

O seguinte destino será Cirio, en Pol, para ver a magnitude dos eólicos xa instalados e en funcionamento, similares aos proxectados nas centrais eólicas de Meira. Ademais os participantes coñecerán a Ermida da Nosa Señora das Neves. A dificultade deste roteiro é baixa.

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

Para máis información e reserva da praza na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva. As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240 299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.